Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rouban na catedral de Ourense unha peza de 300 anos de antigüidade

Rouban na catedral de Ourense unha peza de 300 anos de antigüidade

Reclaman medidas de vixilancia para evitar novos roubos ou danos

O deán da catedral de Ourense sinala o lugar en que estaba a peza roubada
G24.gal 26/09/2025 15:37

A catedral de Ourense foi vítima dun roubo. Os ladróns marcharon cunha peza de máis de 300 anos de antigüidade.

Fixéronse cun dos picaportes de bronce dunha das portas, restauradas hai tan só un par de anos e datadas no ano 1713. Descoñécese o seu valor económico, pero sen dúbida ten un gran valor patrimonial.

"De ser unha persoa que entenda, ten un gran valor, cultural histórico e patrimonial. Entón sería un roubo xa consciente, sabendo o que se fai. Ou tamén pode ser un roubo dunha persoa calquera, que quere levar un recordo da catedral de Ourense, como que se leva unha pedra de Exipto", di José Pérez, deán da catedral de Ourense.

A policía investiga xa o acontecido. Esta porta adoita estar pechada a non ser en días sinalados, polo que se decataron cando foron limpar. O roubo causou enfado entre a veciñanza.

"A xente non ten sentimentos, tanto lles dá", di unha veciña.

"Paréceme fatal. Non sei se sería de noite ou de día, pero o mellor o que hai que ter é algo máis de vixilancia", comenta outra.

Dende a catedral sosteñen que hai tempo que non se producen feitos deste tipo no templo. O interior, ao que se só se pode acceder por dúas portas -unha para o turismo, outra para culto-, está controlado.

O problema está no exterior e sobre todo pola noite, polo que din que sería conveniente a instalación de cámaras na contorna e outras medidas para evitar novos danos a un dos emblemas da cidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade