Un novo microscopio óptico incorpora a visión inmersiva 3D para facilitar as cirurxías
A empresa BVI Leika fai o seu lanzamento en Santiago no marco do 101 Congreso da Sociedade Española de Oftalmoloxía
Os profesionais destacan a mellora que supón para a mobilidade no quirófano e tamén a precisión que se gaña coa mellora de resolución de imaxe

Os avances tecnolóxicos están cambiando o traballo dos oftalmólogos. Un novo microscopio da casa Leika incorpora a visión inmersiva en 3D de alta resolución, que permite mellora moito o traballo no quirófano, segundo explica Carlos Rolán, responsable de produto de BVI Leika.
"O método de traballo dun oftalmólogo era sempre cun microscopio a través dun binocular, logo chegaron as pantallas 3D que lles deron unha flexibilidade moi grande e agora incorporamos esas mesmas pantallas 3D nun oftalmoscopio para xerar unha realidade máis inmersiva para o cirurxián e permitirlle ter máis control da cirurxía".
O lanzamento do modelo Proveo 8x da empresa BVI Leika fíxose no Congreso da Sociedade Española de Oftalmoloxía, que se celebra estes días en Santiago. Desde o punto de vista dos profesionais, Alejandro Millán, oftamólogo da clínica Millán-Martínez de Pontevedra, destaca a flexibilidade que lles da a visión directa no oftalmoscopio e tamén a mellora que supón ter unha maior calidade da imaxe para unhas intervencións cirúrxicas que teñen un campo de acción tan reducido como é o ollo.
"Permite operar en pantalla e que a postura sexa erguida, non só mirando cara a abaixo cara ao microscopio e ademais permite moita máis resolución, con gravacións en full HD".
Carlos Rolán destaca que poden traballar ata tres profesionais a un tempo co casco de visión 3D, o que supón unha achega tamén a nivel de docencia. O responsable do produto de BVI Leika agarda que a partir do próximo ano se vaia incorporando ás clínicas profesionais.
