Publicador de contidos

Publicador de contidos

O CHUO convértese no centro da innovación urolóxica galega

O CHUO convértese no centro da innovación urolóxica galega

Destacan as mulleres cirurxiás nunhas xornadas tituladas "Uroloxía en feminino, á vangarda tecnolóxica"

Converteron os quirófanos do complexo hospitalario universitario de Ourense en aulas en directo con cirurxiás urólogas

Realizaron intervencións de alto nivel retransmitidas en tempo real

G24.gal 15/11/2025 20:33 Última actualización 15/11/2025 21:22

As xornadas, co lema "Uroloxía en feminino, á vangarda tecnolóxica", reuniron en Ourense profesionais de toda Galicia e do resto de España para poñer en valor o papel crecente da muller nesta especialidade tradicionalmente masculina.

"Todas as cirurxiás son mulleres urólogas de gran prestixio nos seus hospitais, non só galegos senón tamén de Madrid ou de Barcelona, como é agora a doutora Mosquera, que está a realizar a cistectomía robótica", dixo Paula Portela, uróloga do CHUO e presidenta do comité organizador.

Nestas xornadas converteron os quirófanos do complexo hospitalario universitario de Ourense (CHUO) en auténticas aulas en directo. Cirurxiás urólogas realizaron intervencións de alto nivel retransmitidas en tempo real, nun formato docente que permite aos asistentes seguir cada paso e interactuar coas especialistas en caso de necesitalo.

"Aquí hai unha cirurxía na que se ven todos os pasos desa cirurxía e polo tanto é unha aprendizaxe moito maior", engade Elena López, presidenta da Sociedade Galega de Uroloxía.

"Vese que dificultade ten, cales son os inconvenientes que pode ter nun momento determinado, é dicir, estás participando, aínda que sexa desde un auditorio, no que está pasando no quirófano", asevera Carmen González, presidenta da Sociedade Española de Uroloxía.

Os equipos de cirurxía traballan simultaneamente, un centrado na cirurxía robótica e outro en técnicas funcionais e reconstrutivas. Destaca o sistema Da Vinci, o robot cirúrxico que transformou a uroloxía moderna.

"O robot Da Vinci veu darnos máis precisión, a democratizar a cirurxía, permitiu acceder a moitos especialistas á cirurxía laparoscópica, que é moi difícil", destaca Estefanía Romero, uróloga do CHUO.

Coa cirurxía robótica poden realizar, por exemplo, cirurxía oncolóxica: quitar a próstata, a vexiga e mesmo reconstruír o sistema urinario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade