O equipo médico do Álvaro Cunqueiro lembra como salvou unha embarazada e o seu bebé
A nai sufrira unha esgazadura da aorta cando estaba embarazada da pequena
A operación supuxo un fito médico en Galicia e converteu o nacemento de África nun milagre
Un equipo multidisciplinar do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo salvoulles a vida a unha embarazada que sufrira un desgarro da aorta e á súa filla. É un caso sen precedentes en Galicia.
África vai facer dous meses. Na semana 24 da súa xestación, súa nai sufriu unha disección aórtica grave, mentres tomaba tranquilamente un café.
"Estar tan tranquila nunha cafetería e ao día seguinte atoparme na UCI, rodea de cables... Só preguntei: e a nena?", recorda Isabel Carrera, nai de África.
O equipo médico que atendeu a embarazada no hospital Álvaro Cunqueiro tivo que deter a circulación do seu sangue durante media hora para poder para operala.
"Incluso en pacientes que non están embarazadas, o risco deste operación é dun 25%, un de cada catro pacientes pode falecer ou ter consecuencias moi graves da operación" conta Francisco Estévez Cid, cirurxián cardiovascular do hospital Álvaro Cunqueiro.
Os especialistas recoñecen a complexidade engadida de ter unha segunda vida, a de África, en compromiso.
"Foi unha situación moi complexa para todos. Era algo que nunca se dera na nosa comunidade. Non tiñamos ningunha referencia", di Iria de la Torre, anestesióloga no Álvaro Cunqueiro.
"A sensación era agridoce. Estabamos traballando coa nai sen saber que ía pasar coa nena", engade Rocío Casais Pampín, adxunta de cirurxía cardíaca no mesmo hospital.
Os médicos lograron salvar a nai e a meniña, que naceu tres meses despois da operación da muller.
"Están as dúas aquí pero podía non estar ningunha. En teoría é un milagre que estean aquí", relata con emoción Manuel Álvarez Vaqueiro, o pai da pequena África.
"Grazas ao equipo médico estamos aquí. Sempre serán os padriños de África", afirma Isabel con gratitude.
No Álvaro Cunqueiro chaman a pequena África Milagres.
"Chamámoslle Milagres cando estaba na reanimación porque nos alegramos todos do resultado", lembra Francisco Estévez Cid, cirurxián cardiovascular.
"Cando me enfado chámolle África Milagres", confesa a proxenitora da nena entre risas.
Na visita que a nai e a filla fixeron ao hospital para unha revisión, África Milagres rolou de colo en colo dos seus padriños sanitarios.