Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sánchez asiste este luns en Exipto á sinatura da fin da guerra en Gaza

Sánchez asiste este luns en Exipto á sinatura da fin da guerra en Gaza

O presidente do Goberno foi convidado polo executivo exipcio, anfitrión do acto que se celebra en Sharm el-Sheij

Pedro Sánchez no Congreso a semana pasada. EFE/ J.J. Guillén Pedro Sánchez no Congreso a semana pasada. EFE/ J.J. Guillén
G24.gal 11/10/2025 09:57 Última actualización 11/10/2025 13:26

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asistirá o vindeiro luns en Exipto á sinatura do acordo para a fin da guerra en Gaza no que participarán tamén os Estados Unidos, os países árabes principais e algúns europeos, segundo informan a EFE fontes do executivo.

Sánchez foi convidado polo executivo exipcio, anfitrión deste acto que se vai celebrar na cidade de Sharm el-Sheij. En principio, vai coincidir co mandatario estadounidense, Donald Trump, xa que el mesmo confirmou a súa asistencia hai dous días.

O xoves pasado Sánchez celebrou o acordo entre Israel e Hamás sobre o plan de paz para Gaza e confiou en que "sexa o comezo dunha paz xusta e duradeira".

"Agora toca dialogar, asistir a poboación civil e mirar ao futuro. Con esperanza, pero tamén con xustiza e con memoria para que as atrocidades vividas non se volvan a repetir xamais", engadiu.

O xefe do Executivo volverá a Exipto despois de participar nese país en varias xuntanzas internacionais que se convocaron desde o inicio do conflito.

Sánchez sempre reclamou a entrada de axuda humanitaria na Franxa, defendeu a solución dos dous Estados e situou a España na vangarda do recoñecemento de Palestina adoptando esa decisión o ano pasado.

Varios países, como Francia e o Reino Unido, sumáronse no mes de setembro durante a conferencia internacional que se celebrou en Nova York coincidindo co inicio do novo período de sesións da Asemblea Xeral da ONU.

Netanyahu en Washington nunha imaxe de arquivo. REUTERS/Jonathan Ernst Netanyahu en Washington nunha imaxe de arquivo. REUTERS/Jonathan Ernst

Choques diplomáticos

A posición de Sánchez neste conflito, as súas palabras nas que considerou que o que se estaba a vivir en Gaza era un "xenocidio" e a súa decisión de impulsar unha serie de medidas como a consolidación do embargo de armas a Israel, provocaron duros choques diplomáticos con ese país.

En varias ocasións o Goberno convocou a encargada de negocios da Embaixada de Israel en España nos últimos meses para trasladar unha queixa formal por distintas actuacións e declaracións do Executivo hebreo.

As convocatorias dirixíronse á encargada de negocios porque en España non hai embaixador deste país desde maio de 2024, cando foi retirado polo Goberno de Netanyahu tras anunciar o presidente do Goberno que recoñecería o Estado de Palestina.

Ese recoñecemento e as medidas adoptadas por España contra Israel levaron a Netanyahu a acusar o Goberno español de antisemitismo e de recompensar a Hamás.

Trump este venres na Casa Branca. REUTERS/Kent Nishimura Trump este venres na Casa Branca. REUTERS/Kent Nishimura

Encontro con Trump

A firma do acordo para o fin do conflito entre Israel e Hamás propiciará que Sánchez coincida con Trump catro días despois de que o presidente estadounidense expuxera a saída de España da OTAN pola súa falla de compromiso co gasto en defensa da Alianza.

Tras estas declaracións, o Goberno asegurou que está moi tranquilo porque España é un membro de pleno dereito e comprometido coa OTAN, e cumpre cos seus obxectivos de capacidade tanto coma os Estados Unidos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade