Publicador de contidos

Publicador de contidos

Netanyahu acusa a Sánchez de lanzar unha "ameaza xenocida" contra Israel mentres bombardea refuxiados en Gaza

Netanyahu acusa a Sánchez de lanzar unha "ameaza xenocida" contra Israel mentres bombardea refuxiados en Gaza

Israel matou 46 persoas só durante este xoves e 64.000 dende outubro, entre elas 18.000 menores

A ONU estima que na cidade de Gaza permanecen arredor dun millón de persoas, a maioría amontoadas xunto á costa

A Eurocámara apoia suspender parcialmente o acordo comercial con Israel, pero evita falar de xenocidio en Gaza

O Goberno cualifica de "falsos e calumniosos" os comentarios da oficina de Netanyahu

REUTERS/Ebrahim Hajjaj REUTERS/Ebrahim Hajjaj
G24.gal 11/09/2025 18:26 Última actualización 11/09/2025 19:23

O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, acusou este xoves o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, de lanzar unha “flagrante ameaza xenocida” contra Israel.

Fíxoo a través da rede social X, tras as declaracións de Sánchez o luns na Moncloa, en que afirmou que España non pode deter a ofensiva sobre Gaza porque “non ten bombas nucleares”.

“O primeiro ministro español dixo onte que España non pode deter a batalla de Israel contra os terroristas de Hamas porque ‘España non ten armas nucleares’.

Esa é unha flagrante ameaza xenocida contra o único Estado xudeu do mundo”, asegurou Netanyahu.

Mentres tanto, Israel bombardea un dos maiores campamentos de refuxiados da cidade de Gaza

O exército israelí bombardeou este xoves polo menos dez edificios do campamento de refuxiados de Al Shati, un dos maiores núcleos de desprazados situado nas praias da Cidade de Gaza. Alí acollen desde hai meses milleiros de persoas que foxen dos ataques israelís, intensificados coa nova ofensiva sobre a capital da Franxa.

Os edificios atacados están rodeados de tendas de campaña onde viven desprazados procedentes tanto do leste da cidade como doutras zonas do norte.

A ONU estima que na cidade de Gaza permanecen arredor dun millón de persoas, a maioría amontoadas xunto á costa. Desde que Israel decidiu intensificar os seus ataques, as autoridades calculan que saíron máis de 100.000 habitantes, aínda que Nacións Unidas rebaixou esa cifra a unhas 40.000 persoas.

Ordes de evacuación forzosa e tres centros de saúde bombardeados

Os residentes de Al Shati recibiron ordes de evacuación forzosa, pero non teñen outro lugar a onde ir. Os ataques tamén recruaron noutros barrios occidentais da capital, como Al Mukhabarat e Al Nasr, que tamén acollen numerosos refuxiados. Nesta última área foron bombardeadas dúas panadarías, un almacén, un centro de distribución e tres centros de saúde.

Israel matou 46 persoas só durante este xoves e 64.000 dende outubro, entre elas 18.000 menores

Segundo os datos recompilados nos depósitos de cadáveres dos hospitais por informadores gazatís, os bombardeos causaron polo menos 32 mortos na cidade de Gaza ao longo da xornada, e un total de 46 en toda a Franxa.

Desde os ataques de Hamas do 7 de outubro de 2023, a campaña militar israelí matou máis de 64.000 persoas, entre elas máis de 18.000 menores, segundo cifras difundidas por relatores de dereitos humanos da ONU, organizacións internacionais e un número crecente de países que cualifican a ofensiva como un xenocidio.

O Goberno cualifica de "falsos e calumniosos" os comentarios da oficina de Netanyahu

O Goberno español cualificou de "falsos e calumniosos" os comentarios vertidos desde a oficina do primeiro ministro de Israel, Benjamín Netanyahu, cara a España e subliñou que "o pobo español é amigo do pobo de Israel e do pobo de Palestina".

A través dun comunicado, o Goberno lembra unha vez máis que condenou "inmediatamente" o "atroz atentado cometido o 7 de outubro polo grupo terrorista Hamas" e que esixiu "desde o primeiro día a liberación incondicional de todos os reféns", pero tamén que "coa mesma determinación" reclama "o cesamento inmediato da violencia sen fin en Gaza".

 

No comunicado do Ministerio español de Asuntos Exteriores lémbrase que foi leste mesmo Goberno o que tomou a decisión de adoptar a definición de antisemitismo da Alianza Internacional para o Recordo do Holocausto e aprobou o primeiro Plan Nacional contra o Antisemitismo en 2023.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade