A Xunta resprocha a Puente que non houbo plans de transporte alternativo durante os incendios
Diego Calvo critica como “ocorrencias” a idea de reclamar compensacións pola interrupción do servizo
O conselleiro lembra que o incendio de Seixalbo, en Ourense, puido orixinarse por chispas dun tren
Calvo pide concreción sobre o estudo dun servido de proximidade en Galicia

A Xunta mostrou a súa sorpresa polo anuncio do ministro de Transportes, Óscar Puente, de que Renfe estuda pedir compensacións polo corte do servizo ferroviario durante a vaga de incendios de agosto.
O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, replicou que algúns destes incendios foron provocados por chispas de trens e preguntou: “Quen debería indemnizar a quen?”.
Calvo cualificou de “ocorrencias” as declaracións do ministro sobre a posibilidade de que Renfe reclame á Xunta e a Castela e León polas interrupcións da liña entre Galicia e Madrid, que deixou sen transporte ferroviario durante nove días.
Subliñou que nese momento a prioridade era garantir a seguridade de viaxeiros e traballadores, polo que o servizo non podía retomarse ata que a extinción dos incendios o permitira.
Competencias do Adif e medidas alternativas
O conselleiro lembrou que corresponde ao Adif avaliar o estado da infraestrutura e a Renfe ofrecer opcións alternativas por estrada nos treitos afectados, do mesmo xeito que fixo a Xunta no transporte público da súa competencia. Insistiu en que as palabras de Puente son un exemplo máis das súas “ocorrencias” ás que, segundo dixo, “xa nos ten afeitos”.
Calvo puxo como mostra o incendio de Seixalbo, no concello de Ourense, que quedou extinguido o 16 de agosto tras afectar preto de 108 hectáreas e que, segundo indicou, “foi ocasionado aparentemente por posibles chispas dun tren”.
Estudo de proximidade
O conselleiro de Presidencia da Xunta pediu ao ministro de Transportes "menos palabras e máis feitos" sobre o estudo dunha rede de trens de proximidade para Galicia.vCalvo remarcou que a Xunta apoia a creación dunha rede de proximidade en Galicia, como existe noutros territorios porque, precisamente, o Executivo estatal ten "desatendidos" este servizo e os de media distancia na comunidade.
Con todo, reprochou que o Goberno central leve anunciando que traballa nesta análise de viabilidade desde fai máis dun ano, pero "o que adiantou (o ministro) son catro áreas sen apenas concrecións".
"As cidades da Coruña e Vigo e outras dúas liñas ás que o ministro se referiu, sen dar máis detalles", lembrou Calvo, que insistiu en que "un estudo completo debe ter en conta as necesidades de interconexión de toda a comunidade galega".