Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bótase en Ferrol a fragata F-111, amadriñada pola raíña Sofía

Bótase en Ferrol a fragata F-111, amadriñada pola raíña Sofía

O presidente Pedro Sánchez celebra a botadura da F-111, “estandarte” da capacidade tecnolóxica de España

G24.gal 11/09/2025 18:56 Última actualización 11/09/2025 21:44

A fragata F-111 Bonifaz, primeira das novas unidades da serie F-110 da Armada española, xa loce nas augas da ría de Ferrol tras a súa botadura este xoves nos estaleiros de Navantia, coincidindo coa pleamar da tarde.

A cerimonia, amadrinada pola raíña Sofía, contou coa presenza do presidente do Goberno, Pedro Sánchez; a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz; o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente de Navantia, Ricardo Domínguez; e mandos militares. Segundo a organización, asistiron preto de 7.000 persoas.

O presidente do Goberno celebra a botadura da F-111, “estandarte” da capacidade tecnolóxica de España

Pedro Sánchez celebrou o fito como símbolo da capacidade tecnolóxica de España e do compromiso coa seguridade internacional.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, definiu o buque como un “estandarte” da capacidade tecnolóxica de España e do compromiso coa seguridade tanto europea como internacional.

“Vai permitir cumprir as misións con todas as garantías”, asegurou Sánchez durante a cerimonia solemne celebrada no estaleiro de Navantia.

O presidente pediu “seguir avanzando” porque este é só o comezo, e afirmou que por primeira vez na historia España conta “con todos os ingredientes para ser unha nación aberta, próspera e, sen dúbida, industrial”.

O presidente subliñou que a construción das cinco fragatas suporá máis de 4.300 millóns de investimento e arredor de 9.000 empregos directos e indirectos en todo o Estado.

O presidente de Navantia desexou “boa mar e vento favorable” á fragata, construída coa participación de 500 empresas.

O director do estaleiro, Eduardo Dobarro, confirmou que o proxecto segue o calendario previsto, mentres que o xefe do Estado Maior da Armada, Antonio Piñeiro Sánchez, definiu a F-111 como a “punta de lanza” da frota nos próximos anos.

Protestas na entrada do estaleiro

Á entrada de Navantia concentráronse varias decenas de persoas convocadas por sindicatos e organizacións políticas. A CIG e a USO reclamaron melloras salariais co lema “Persoal civil, salarios dignos”, mentres que outro grupo exhibiu unha pancarta coa mensaxe de rexeitamento á “escalada militarista” e co lema “Parar o xenocidio do pobo palestino”.

A ministra de Defensa, Margarita Robles, reuniuse pola mañá con representantes sindicais durante a súa visita ao estaleiro. Xa pola tarde, Yolanda Díaz falou cun grupo de bombeiros e comprometeu que a redución da xornada laboral sairá adiante.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade