Publicador de contidos

Publicador de contidos

Hereu amosa a súa disposición a construír un novo dique cuberto en Ferrol

Hereu amosa a súa disposición a construír un novo dique cuberto en Ferrol

"As infraestruturas que se precisen para este crecemento serán abordadas", asegura

O ministro de Industria reivindica a Navantia como "exemplo" de reindustrialización

O ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, e o delagado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, durante unha visita ao estaleiro de Navantia Ferrol (Raúl Lomba/Europa Press)
G24.gal 12/01/2026 11:02

O ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, defendeu este luns en Ferrol o papel estratéxico de Navantia como o principal referente da reindustrialización en España. Durante a súa visita ás instalacións do estaleiro, o ministro subliñou que a compañía non só é un motor económico, senón un piar fundamental para a "autonomía estratéxica" e a seguridade do país.

"Ferrol é o mellor exemplo do que significa a reindustrialización", afirmou Hereu, quen destacou o cambio de tendencia tras décadas de perda de peso industrial.

O ministro destacou o importante respaldo financeiro do Executivo central á empresa pública. Nos últimos meses, aprobáronse cinco Plans Especiais de Modernización (PEM) valorados nun total de 2.292 millóns de euros destinados a Navantia.

Este investimento, explicou o titular de Industria, ten como obxectivo liderar un proceso de transformación cara ao "estaleiro 4.0", baseado na eficiencia produtiva, a dixitalización e a innovación. "Estamos nun momento de clara despregadura de política industrial", aseverou.

Novo dique cuberto

O ministro amosouse receptivo con facer realidade unha demanda histórica dos traballadores: a construción dun novo dique cuberto en Ferrol. Aínda que non comprometeu datas concretas, sinalou que o proceso de crecemento de Navantia obrigará a adaptar as instalacións.

"As infraestruturas que se precisen para este crecemento serán abordadas", afirmou o ministro, que destacou que a carga de traballo actual garante emprego de calidade para os próximos anos. O titular de Industria apostou por manter un "diálogo perfecto" cos representantes sociais para afrontar o reto de xerar ocupación con maior formación técnica.

De cara ao futuro inmediato, Hereu mostrouse optimista sobre a capacidade da industria naval española para captar novos contratos internacionais e asegura que os pedidos de Defensa son unha oportunidade para consolidar o tecido industrial e tecnolóxico nacional.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade