As tres claves dunhas oposicións: constancia, realismo e adestramento
Centos de persoas preparan exames que incluso non están aínda convocados
Cada vez máis aspirantes estudan en liña sen ter que acudir en persoa ás clases
Conseguir unha praza pública leva, de media, máis dun ano de traballo
Con calor ou con frío sempre é tempo de oposicións. Mentres as diferentes administracións públicas anuncian convocatorias de novas prazas, centos, milleiros, de persoas traballan por conseguir un emprego estable.
En calquera academia podemos atopar estes días estudantes que preparan exames fixados para esta mesma primavera pero tamén xente que se está a formar para prazas que nin sequera están aínda convocadas de xeito oficial, tendo en mente que a medio prazo poderán ser publicadas.
"Aínda que non estean convocadas as prazas temos que pensar que nunha oposición como mínimo o tempo de preparación é dun ano. Polo tanto, moitas veces non podemos agardar á convocatoria senón que hai que estar preparado previamente. Estamos falando, como mínimo, de oito meses ou un ano", asegura Cristina Cid, xefa de estudos de Academia Postal 3 en Vigo.
"Eu levo dende setembro, pouco a verdade, seis meses, sete...", conta unha moza que prepara oposicións para un posto de auxiliar administrativa da Xunta, nivel C2.
"Debería dedicarlle máis tempo. Ao final hai moitas distraccións, os amigos... É verdade que podería dar un pouquiño máis pero é certo que é complicado", engade un mozo que deixou un curso de FP para buscar un emprego estable no sector público.
Carreira de fondo
En certo sentido, preparar unhas oposicións ten semellanzas co deporte de alto rendemento. Os aspirantes teñen que demostrar disciplina, sacrificio e asumir que se trata dun camiño longo, que pode ter éxitos e tamén fracasos. É habitual que moitos opositores se presenten a varios exames antes de conseguir a praza que buscaban.
"As tres estratexias básicas que hai que ter en conta para preparar unha oposición son a constancia, o realismo e o adestramento", escribe no encerado a mestra Nuria Gómez, nunha clase da Academia Postal 3.
"Eu teño outro traballo, no que non estou moi contento, e á miña idade á verdade é que non teño moitas oportunidades así que opto por aquí", explica un alumno que compaxina traballo e estudo, sen practicamente tempo de lecer en toda a semana.
Hoxe moitos aspirantes preparan oposicións en liña, a través de clases que se imparten pola Internet, tanto en directo ou gravadas. A imaxe é curiosa: hai días nos que as aulas dunha academia chegan a quedar baleiras pero os estudantes están aí, do outro lado do ordenador.