16 mozos, entres eles 2 mulleres, fórmanse como maquinistas de tren no centro homologado de Renfe en Santiago
16 mozos, entres eles 2 mulleres, fórmanse como maquinistas de tren no centro homologado de Renfe en Santiago
O curso consta de 650 horas de formación teórica e 500 de prácticas, que inclúen inicialmente sesións de simulación, outras acompañando a maquinistas e finalmente prácticas de condución efectiva
Renfe conta con 12 centros homologados en toda España para formar maquinistas. Un deles está situado na estación de Santiago. 16 aspirantes levan pouco menos dun mes formándose para obter a licencia e diploma que os habilitan para conducir trens en calquera empresa ferroviaria europea.
Como explica Xesús de Pablo, formador da Escola Técnica Profesional de Condución e Operacións de Renfe, o curso consta de 650 horas de formación teórica e 500 de prácticas, que inclúen inicialmente sesións de simulación, outras acompañando a maquinistas e finalmente prácticas de conducción efectiva.
Os alumnos deben ser maiores de 20 anos, ter o bacharelato, FP de grao medio ou equivalente, dominar o español e obter un certificado médico de aptitude psicofísica.
Entre os 16 alumnos deste curso están Pablo Álvarez, valisoletano, que soña desde cativo con ser maquinista. Matías Pampín que quere seguir os pasos de seu pai que traballa como profesional da condución ferroviaria. David Ferro, que se dedicou 12 anos ao sector da automoción e decidiu buscar unha mellora laboral e progresión neste eido, e Andrea Carrera, unha das dúas únicas mulleres entre o alumnado no centro compostelán, que traballaba tamén noutro sector e busca mellores condicións laborais e de vida nun sector que está descubrindo.
O curso dura 10 meses e custa 21 mil euros. A oferta pública de emprego de Renfe para este ano inclúe 550 prazas de maquinista. Os salarios oscilan entre 21 e 41.000 euros anuais.