Renfe alerta de que o ciberataque de setembro accedeu a datos sensibles dos viaxeiros
Non hai constancia de que a información se usase para intentar estafas
O presunto pirata xa foi detido o mes pasado pola Garda Civil
As empresas piden que os clientes desconfíen ante mensaxes sospeitosas
A alerta circula polas distintas vías de Renfe. A compañía está avisando aos seus clientes de que no ciberataque do pasado 28 de setembro, do que xa dera conta daquela, alguén accedeu a datos persoais sensibles dos viaxeiros. Algúns recibiron avisos no teléfono móbil e a mensaxe tamén se pode ver na páxina web da empresa. Renfe explica que houbo un acceso non autorizado a información como nomes, números de DNI ou detalles sobre as viaxes mercadas. A lei obrígaa a comunicalo.
"Dado que hai algún dato que pode ser sensible como pode ser o DNI, que pode implicar situacións de suplantación de identidade,q ue é un caso típico cando o DNI é un dato afectado, entón hai que notificárllelo aos afectados", explica Serxio Rodríguez Vila, director do despacho de avogados Optimaley de Vigo.
Un fragmento da notificación publicada por Renfe sobre o ciberataque do 28 de setembro de 2026.
Renfe di que "non hai constancia de que os datos se utilizasen de xeito fraudulento" e que reforzou a "monitorización, realizado unha investigación forense" e establecendo medidas técnicas e organizativas adicionais. Pero como ten acontecido noutros ciberataques recentes, como os que sufriron Endesa en España ou o banco HSBC a nivel mundial, as empresas piden agora que os clientes estean especialmente atentos e que desconfíen se reciben mensaxes sospeitosas, sobre todo se lles piden datos.
O habitual neste tipo de casos é que os particulares non teñan ningún prexuízo pero, ás veces, poden acabar sendo obxecto de intentos de estafa.
"A gran maioría dos casos non avanzan porque estas ameazas non son cribles", asegura Serxio Rodríguez, de Optimaley.
No caso deste ciberataque a Renfe, o presunto pirata xa está detido. Prendeuno a Garda Civil o mes pasado. A compañía, a maiores, lembra que calquera persoa que queira ter máis información pode contactar co delegado de Protección de Datos no enderezo dpdviajeros@renfe.es.