Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta reforza o servizo de bus entre Santiago e Alvedro polo peche da Lavacolla

A Xunta reforza o servizo de bus entre Santiago e Alvedro polo peche da Lavacolla

Poranse máis frecuencias entre este xoves 23 de abril e o vindeiro 27 de maio

Por mor das obras que se realizarán no aeroporto Santiago-Rosalía de Castro, gran parte dos voos que operan alí se trasladarán á terminal de Alvedro e, en menor medida, a Peinador 

Autocar chega con viaxeiros ao aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro Autocar chega con viaxeiros ao aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro
G24.gal 21/04/2026 15:22

A Xunta vai ampliar os servizos de autobús entre Santiago de Compostela e o aeroporto da Coruña, con catro novas frecuencias en cada sentido, entre este xoves 23 de abril e o 27 de maio, durante o peche da terminal Santiago–Rosalía de Castro para a execución das obras previstas. 

Nun comunicado, a administración galega informa que ante a petición de Aena de reforzos de transporte interurbano, se decidiu reforzar os servizos de autobús para facilitar os desprazamentos das persoas usuarias do aeroporto xa que durante ese período boa parte dos voos que operan habitualmente en Santiago trasladaranse ao aeroporto de Alvedro e, en menor medida, ao de Peinador en Vigo.

Novas frecuencias nos dous sentidos 

Desde a estación intermodal de Santiago cara ao aeroporto da Coruña incorpóranse saídas ás 10:05, 14:25, 18:55 e 19:55 horas, que se suman ás xa existentes ás 09:30 e ás 17:00 horas.

No sentido inverso, desde Alvedro cara a Santiago de Compostela, incorpóranse saídas ás 10.15, 12.15, 18.15 e 21.15 horas, ademáis das conexións actuais das 05.30 e 13.15 horas.

Tamén máis servizos as fins de semana 

Nas fins de semana e festivos tamén se reforza a conexión. Os sábados, establécense novas saídas desde o aeroporto da Coruña ás 10:15 e 12:15 horas, que se suman á existente desde as 12:10 horas. Desde Santiago a Alvedro incorpóranse servizos ás 10:05 e 19:55, alén do actual ás 13:00 horas.

Os domingos e festivos, súmase unha nova saída desde o aeroporto ás 18:15 horas, alén da existente das 12:10, e desde Santiago ao aeroporto da Coruña amplíase a oferta con servizos ás 10:05 e 19:55 horas, que se engaden á outra saída xa dispoñible ás 13:00 horas.

No aeroporto de Vigo, o incremento será máis reducido, cunha media de cinco operacións adicionais ao día, polo que a oferta actual de transporte permite dar resposta a esta demanda.

Así, mantéñense os servizos regulares de autobús entre Santiago e a cidade, con 16 saídas diarias desde a capital e 17 desde Vigo de luns a venres.

A Xunta informou que fará seguimento da situación. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade