Detido o suposto autor dun atropelo mortal intencionado en Ames
Tras unha discursión na rúa, o investigado accedeu ao seu vehículo e, logo de realizar unha manobra, dirixiuse cara ao lugar onde se atopaba a vítima, golpeándoa de forma violenta
Foto do atropelo mortal en Bertamiráns
A Garda Civil detivo un home como presunto autor dun delito de asasinato, tras os feitos ocorridos durante a madrugada deste mércores no municipio de Ames. Os feitos tiveron lugar ao redor das 00:45 horas, cando unha persoa foi atropelada nun paso de peóns de Bertamiráns, resultando gravemente ferida.
A vítima foi trasladada de urxencia a un centro hospitalario, onde se atopa en situación de morte cerebral. Tras a recepción do atestado instruído pola Policía Local de Ames, o Equipo Territorial de Policía Xudicial da Garda Civil de Santiago de Compostela fíxose cargo da investigación.
As primeiras dilixencias permitiron solicitar diversos testemuños que apuntaban a que o atropelo sería intencionado. Segundo a investigación, momentos antes do suceso produciuse unha discusión entre o presunto autor e a vítima na vía pública. Posteriormente, o investigado accedeu ao seu vehículo e, tras realizar unha manobra, dirixiuse cara ao lugar onde se atopaba a vítima, golpeándoa de forma violenta para, acto seguido, abandonar o lugar.
Como resultado das xestións practicadas, a Garda Civil procedeu á detención do presunto autor durante a tarde deste mércores na localidade de Bertamiráns. No transcurso da investigación aprécianse, de forma indiciaria, circunstancias compatibles coa aleivosía, motivo polo cal as dilixencias se instrúen por un presunto delito de asasinato.
Na investigación tamén participou a Unidade de Investigación de Seguridade viaria do Subsector de Tráfico da Garda Civil da Coruña, que realizou a correspondente inspección técnico-ocular do lugar dos feitos. As dilixencias instruídas foron postas ao dispor do Xulgado de Garda competente, que continúa coa tramitación do procedemento.
A investigación permanece aberta e a Garda Civil non facilitará máis información mentres continúen as actuacións xudiciais.