Meteogalicia abre na sua web un espazo para coñecer o tempo en cada concello o día da eclipse
Tamén se pode consultar un mapa con todos os municipios sobre o que se indica en cales a eclipse será total e en cales verase de forma parcial
A Consellería de Medio Ambiente preparou unha serie de recomendacións dirixidas ás persoas que teñan previsto desfrutar da xornada desde algún espazo natural
Respectar a vexetación e a fauna locais, afastarse das zonas perigosas e minimizar o ruído e as luces artificiais son algunhas das pautas recomendadas
Xunta de Galicia
A Xunta habilitou este mércores un apartado específico dentro da páxina web de Meteogalicia para facilitar o acceso e as consultas relacionadas coa predición do tempo en todos os concellos galegos durante a xornada da eclipse solar, prevista para o 12 de agosto.
Ademais, este espazo web conta cun mapa con todos os municipios sobre o que se indica en cales a eclipse será total e en cales verase de forma parcial.
A visibilidade dependenderá das condicións meteorolóxicas
Nunha nota de prensa, a Xunta precisou que a visibilidade do fenómeno dependerá en gran medida das condicións meteorolóxicas.
Neste sentido, desde o novo espazo web se poderá acceder picando sobre cada municipio a unha pestana co prognóstico meteorolóxico para a mañá, a tarde e a noite do 12 de agosto, alén de toda a predición detallada.
Tamén se dará acceso ás cámaras web das que dispón Meteogalicia en diferentes puntos da Comunidade, que permiten comprobar en tempo real o estado do ceo, e ás imaxes que ofrece o satélite.
Toda esta información específica complementará os datos que de forma habitual xa están dispoñibles para consulta na páxina web do servizo meteorolóxico autonómico, e que inclúe, entre outros, datos sobre a situación do tempo en xeral en Galicia, avisos, índice UV, radar ou risco de incendios por zonas.
Recomendacións para desfrutar da eclipse nunha contorna natural
Para minimizar os posibles efectos sobre a contorna, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático preparou tamén unha serie de recomendacións e pautas dirixidas ás persoas que teñan previsto desfrutar da xornada da eclipse desde algún espazo natural.
Cabe lembrar que a visibilidade real da eclipse pode variar pola presenza de montes, edificios ou outros obstáculos cara ao oeste, polo que é clave escoller un lugar cun horizonte despexado e pouca contaminación lumínica.
Neste sentido, o departamento autonómico pon ao dispor da cidadanía a través do portal oficial da eclipse da Xunta dous decálogos de conduta a ter en conta para aquelas persoas que vaian observar este fenómeno en plena natureza.
Baixo o lema 'Cos pés na terra e os ollos non ceo', a Consellería incide na importancia de seguir os camiños sinalizados ao transitar por estes espazos, respectar a vexetación e a fauna locais, entrar só polos accesos permitidos, afastarse de cantís ou zonas perigosas, minimizar o ruído e as luces artificiais, deixar a zona limpa, evitar o uso de drons sen autorización e planificar con antelación a visita para evitar aglomeracións e imprevistos.
Redución do lixo
Así mesmo, o segundo decálogo céntrase na xestión e minimización do lixo co obxectivo de garantir unha 'Eclipse sen pegada'.
Neste caso, as pautas para seguir que ofrece o departamento autonómico céntranse na redución dos residuos xa en orixe, primando o uso de obxectos reutilizables e minimizando o material que se leva; na recollida dos alimentos e envases sobrantes, así como da microbasura (tapóns, cabichas...); no uso correcto dos contedores dispoñibles, depositando as lentes refugables no da fracción resto; no seguimento das indicacións locais; e no respecto á contorna natural.