Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os veciños de Vilatuxe están fartos dos cortes de luz e piden solucións á compañía eléctrica

Os veciños de Vilatuxe están fartos dos cortes de luz e piden solucións á compañía eléctrica

Nas últimas semanas aumentaron os microcortes de electricidade na parroquia lalinense

Naturgy di que xa tomaron medidas

Os veciños de Vilatuxe afirman que o problema vén de vello 

 

G24.gal 05/08/2026 15:22 Última actualización 05/08/2026 15:39

As cabras aquí hai que muxilas todos os días e nesta explotación de Vilatuxe os cortes de luz inda que sexan puntuais alteran o labor da xornada. 

"Moxes arredor de 70 litros ao día, é pouco, pero facelo a man... se se corta a luz, para a máquina non é bo, pa un tampouco, e para as cabras, pode causarlle problemas, como mamite", explica Isaías Medela, cabreiro.

Esta parroquia de Lalín ten preto de medio milleiro de veciños e numerosas granxas para as que supón un gran problema a alteración da subministración eléctrica.

"Teño unha granxa de polos, cando salta a luz, salta a alarma, se os cortes son longos xa me salta o xenerador e poden estragarse aparellos", lamenta María Iglesias.

Din que esta situación vén de vello pero os microcortes incrementáronse nas últimas semanas. Afectan á liña que parte da subestación de Lalín que percorre Soutelo, Forcarei e Cerdedo. Teñen boa conta deles neste restaurante.

"Sexa inverno, sexa verán, dá igual. Onte tivemos tres cortes de luz á hora do servizo. Por iso temos xa un grupo eletróxeno", di o dono do restaurante.

E se non hai luz, non se dá pagado con tarxeta, nin se saca efectivo do banco. Nesta tenda teñen as súas precaucións por quedaren sen corrente deseguido. A tendeira explica que ten que ter aberta todo o tempo a caixa rexistradora porque se marcha a luz non a pode abrir.

Dende Naturgy din que xa tomaron medidas: que modificaron a configuración da rede, que están a revisar a liña e que unha brigada anda a realizar podas selectivas nos puntos onde a vexetación pode estar provocando desconexións puntuais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade