Freire bota en Vigo o primeiro barco de aceiro encargado pola Armada a un estaleiro privado
O Proserpina, de 31 metros de eslora, será o novo buque de apoio a mergulladores do Exército
A industria da Defensa converteuse nun cliente fundamental para o sector naval de Galicia
Distintos estados queren reforzar a súa frota, pero en Europa quedan agora poucos estaleiros
Foi unha cerimonia grande para un barco pequeno. O Proserpina mide 31 metros de eslora e pode levar quince tripulantes. É un barco de apoio a mergulladores. Pero é especial porque é o primeiro barco de aceiro que a Armada Española lle encarga a un estaleiro privado nos tempos modernos, neste caso a Freire, en Vigo.
"Por primeira vez un buque da Armada de certo porte constrúese fóra dos estaleiros tradicionais", confirmou no seu discurso o almirante xefe do Estado Maior da Armada, o galego Antonio Piñeiro.
"O Proserpina é un buque pioneiro, eficiente e completamente innovador na contorna da Unión Europea", asegura o director xeral do estaleiro, Marcos Freire.
Porque a industria da Defensa se converteu nos últimos anos nun cliente fundamental para o sector naval en Galicia. E non só a Defensa española. O propio estaleiro Freire asinou o contrato para construír catro barcos para Suecia e, a só uns metros, Armón xa está facendo dous para ese mesmo país.
Mentres as tensións internacionais levan a distintos estados a queren reforzar a súa frota, en Europa, en realidade, agora mesmo hai poucos estaleiros. Gran parte do traballo no naval marchou a Asia buscando prezos baixos pero os exércitos queren construír os seus barcos aquí.
"E neste camiño o Goberno de España está acompañando o sector con feitos. Este buque é bo exemplo; máis de dezaoito millóns de euros de investimento para reforzar a capacidade da Armada", afirmou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, no acto de botadura do Proserpina.
A Armada, precisamente, acaba de encargarlle cinco nova patrulleiras pequenas de fibra a Rodman, en Moaña. E Navantia, mentres, asegurou máis dunha década de traballo cos contratos de construción e renovación das fragatas españolas, ademais dun novo buque de apoio.