Publicador de contidos

Publicador de contidos

Delcy Rodríguez ofreceu aos EUA un goberno en Venezuela sen Maduro, segundo o Miami Herald

Delcy Rodríguez ofreceu aos EUA un goberno en Venezuela sen Maduro, segundo o Miami Herald

A primeira oferta contemplaba a renuncia de Maduro a cambio da súa permanencia, con garantías de seguridade, en Venezuela, onde Rodríguez asumiría a presidencia

Ditas propostas "buscaron persuadir a sectores do Goberno dos Estados Unidos de que un 'Madurismo sen Maduro' podería permitir unha transición pacífica en Venezuela

Maduro e Delcy Rodríguez, nunha imaxe de arquivo (EFE/Miguel Gutiérrez) Maduro e Delcy Rodríguez, nunha imaxe de arquivo (EFE/Miguel Gutiérrez)
G24.gal 16/10/2025 21:34

A vicepresidenta venezolana, Delcy Rodríguez, ofreceu aos Estados Unidos encabezar un goberno de transición en Venezuela sen o presidente Nicolás Maduro para preservar a estabilidade política do país, segundo informou este xoves o xornal Miami Herald ao citar fontes próximas ás conversacións.

Rodríguez e o seu irmán Jorge, presidente da Asemblea Nacional de Venezuela, xunto cun grupo de altos funcionarios venezolanos, presentaron dúas propostas aprobadas por Maduro á Administración do presidente estadounidense, Donald Trump, coa intermediación de Catar, detallou a nota exclusiva do Herald.

A primeira oferta, presentada en abril ao enviado especial estadounidense Richard Grenell, contemplaba a renuncia de Maduro a cambio da súa permanencia, con garantías de seguridade, en Venezuela, onde Rodríguez asumiría a presidencia.

Este plan é similar a un revelado a semana pasada por The New York Times no que Maduro ofreceu a Washington abrir ás compañías estadounidense os seus proxectos de petróleo e ouro, contratos preferentes, redirixir de China aos EUA a exportación de petróleo, e terminar contratos mineiros e enerxéticos con China, Irán e Rusia.

Outra proposta: Goberno de transición e exilio para Maduro en Turquía ou Catar

Na segunda proposta da que informa o Miami Herald, presentada en setembro, Delcy Rodríguez e o xeneral retirado Miguel Rodríguez Torres encabezarían un goberno de transición mentres Maduro buscaría o exilio en Turquía ou Catar.

Os plans presentáronse mediante mediadores de Catar, onde Delcy Rodríguez mantén unha "relación significativa" con membros da familia real e ten parte dos seus activos, segundo o diario.

Un "madurismo " sen Maduro

Ditas propostas "buscaron persuadir a sectores do Goberno dos Estados Unidos que un 'Madurismo sen Maduro' podería permitir unha transición pacífica en Venezuela, preservando estabilidade política sen desmantelar o aparto gobernante", escribiu o medio.

A información transcende ao día seguinte de que Trump autorizou á CIA realizar operacións encubertas en Venezuela e asegurou que estuda a posibilidade de executar ataques contra "o narcotráfico" en terra tras os bombardeos dos Estados Unidos contra embarcacións.

Pero, preguntado sobre se autorizara á CIA a eliminación de Maduro, Trump indicou o mércores que sería "ridículo" responder a esa pregunta.

En tanto, o Goberno venezolano expresou o mércores que ve con "extrema alarma" o uso da CIA como "unha ameaza" contra Venezuela, un conxunto de accións que, dixo, forman parte de "manobras" que buscan "lexitimar unha operación" de "cambio de réxime" no país. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade