A Xunta mostra a súa preocupación e o seu rexeitamento ante a posible rebaixa de fondos europeos
Os sindicatos agrarios rexeitan "desmantelar" a PAC e cifran o recorte en 77 millóns ao ano
A conselleira do Mar expresou o seu rexeitamento e a súa preocupación ante unha posible redución de 4.000 millóns de euros de fondos europeos para a pesca
Bruxelas centraliza os fondos rexionais, recorta a PAC e dispara o gasto en defensa
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, expresou este xoves o seu rexeitamento e a súa preocupación ante unha posible redución de 4.000 millóns de euros de fondos europeos para a pesca no próximo período 2028-2034, segundo o esbozo da Comisión Europea divulgado onte.
Antes de participar nunha reunión da comisión mar-industria da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Marta Villaverde insistiu en que a Xunta non está de acordo en absoluto coas grandes liñas publicadas onte, aínda que pediu tempo para estudar en detalle a proposta.
"Os grandes titulares, de todos os xeitos, non son nada bos, xa que apuntan a un recorte do 66 %, uns 4.000 millóns de euros", sinalou a conselleira, que asegurou que o Goberno galego pelexará e activará todas as vías posibles para que non se produza ese recorte, que tería un impacto evidente no sector.
Villaverde, ademais, pediu que o Goberno acompañe á Xunta nesta pelexa e que faga valer a posición do sector en Europa.
Segundo a conselleira, estaría en xogo que a pesca e a acuicultura sigan tendo un fondo específico, algo que considerou fundamental para o desenvolvemento do sector, xa que os esbozos da Comisión Europea apuntan a que queren esvaer o fondo específico vixente noutros fondos, o que tamén prexudicaría ao sector mar-industria galego.
O sector mar-industria sempre tivo que dar a batalla en Bruxelas, sostén Vieites
O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, asegurou que os fondos europeos e a colaboración público-privada son imprescindibles para que o sector mar-industria galego, o máis importante da UE, poida renovarse, modernizarse e seguir innovando.
Vieites, que durante anos foi o presidente da patronal conserveira española, lembrou que o sector do mar sempre tivo que loitar en Bruxelas para preservar os seus intereses, algo que, asumiu, haberá que volver facer.
En calquera caso lembrou que se trata dun borrador, dun documento previo, polo que avogou por traballar da man das administracións, tanto autonómica como estatal, para que a Comisión Europea en primeira instancia e o Parlamento comunitario despois aproben unha proposta que beneficie o sector ou que polo menos non sexa lesiva.