Publicador de contidos

Publicador de contidos

Descobren como os residuos plásticos afectan os mexillóns da costa galega

Descobren como os residuos plásticos afectan os mexillóns da costa galega

A investigación realizada polo Centro Oceanográfico na ría de Vigo demostra que os residuos plásticos modifican a estrutura e o rendemento fisiolóxico do mexillón galego

G24.gal 20/11/2025 11:39

Persoal investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC), en colaboración con colegas do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), as universidades de Málaga e Cádiz e outros organismos internacionais, realizaron un estudo que demostra que os residuos plásticos, mesmo en pequenas cantidades, modifican a estrutura e o rendemento fisiolóxico do mexillón (Mytilus galloprovincialis) na costa galega.

Segundo recolle o IEO nun comunicado, a investigación, desenvolta na ría de Vigo, mostra que a presenza de macroplásticos, concretamente películas de polietileno (similares a bolsas comerciais) e filamentos de nailon (sedela de pesca), pode modificar procesos fisiolóxicos clave e a estabilidade estrutural dos bancos de mexillón.

En particular, os tratamentos con alta concentración de filamentos de nailon provocaron unha redución significativa das taxas de respiración e filtración dos individuos, procesos esenciais para o seu metabolismo. Ademais, aínda que pequenas cantidades de plástico poden axudar a que os mexillóns formen estruturas máis complexas, unha acumulación excesiva conduce a unha perda de estabilidade, restrinxíndose a mobilidade dos mexillóns e a súa capacidade para formar estruturas tridimensionais cohesionadas.

En comparación, as películas de polietileno mostraron efectos máis moderados sobre os parámetros analizados. "Os achados deste traballo subliñan a necesidade de incorporar os macroplásticos bentónicos na xestión e avaliación ambiental e de abordar a contaminación por plásticos desde unha perspectiva ecosistémica, que contemple non só a biodiversidade, senón tamén os procesos funcionais que sosteñen a estabilidade e produtividade dos ecosistemas costeiros", sinalou Eva Cacabelos, coautora do estudo e técnica no Centro Oceanográfico de Vigo do IEO-CSIC.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade