A Princesa de Asturias regresa ao Juan Sebastián de Elcano
Leonor de Borbón remata a súa formación intensiva a bordo da fragata Blas de Lezo
Foron 19 días a bordo dunha das fragatas máis modernas da Armada. Na Blas de Lezo, construída en Ferrol, a princesa de Asturias puido completar a súa formación tanto teórica como práctica cunha participación en exercicios con munición real.
Nas fotografías compartidas pola Casa Real pódese ver a herdeira ao trono realizando gardas de navegación na ponte de mando, colaborando en operacións de voo ou compartindo traballo en equipo cos máis de 200 militares que compoñen a dotación da fragata.
Tras esta formación intensiva, a princesa Leonor regresa ao Juan Sebastián de Elcano para reencontrarse cos seus compañeiros de promoción da Escola Naval de Marín. O buque chegará mañá ao porto de Xixón, onde fará unha escala de tres días. Logo continuará percorrido ata Ferrol, a onde ten previsto arribar a próxima semana antes de poñer rumbo de regreso a Marín para o acto de entrega de despachos coincidindo coa festividade do Carme.
A princesa de Asturias aínda recollerá previamente unha das Medallas de Galicia, a máxima distinción da nosa comunidade, como culminación a un ano de formación militar que tivo como base a Escola Naval de Marín.