Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dez falecidos e once desaparecidos no naufraxio dun barco galego no Canadá

Dez falecidos e once desaparecidos no naufraxio dun barco galego no Canadá

Foto de vesselfinder.com
G24.gal 15/02/2022 12:56 Última actualización 22:24

Era algo antes das sete da mañá, hora galega, cando saltou a radiobaliza do Villa de Pitanxo. O rastreiro de 50 metros de eslora con base en Marín traballaba en augas de Terra Nova, a unhas 250 millas da costa. 

Ás 05:24 da madrugada, hora galega, recibíronse no Centro Nacional de Coordinación de Salvamento Marítimo (CNCS) de Madrid dúas alertas do Villa de Pitanxo. Ao non poder contactar coa tripulación avisaron as autoridades canadenses e mobilizaron simultaneamente vía satélite dous barcos que estaban próximos ao lugar do naufraxio: o pesqueiro español Playa Menduíña Dos e o pesqueiro portugués Novo Virgem da Barca.

"Cando saltou a radiobaliza, Salvamento Marítimo dispuxo que dúas embarcacións pesqueiras se achegasen á zona. Atoparon tres lanchas salvavidas, e nunha delas estaban os tres superviventes", explica a conselleira do Mar Rosa Quintana.

Foi o Playa Menduíña o que atopou pouco despois das dez e media da mañá a balsa con tres mariñeiros vivos. A mesma embarcación rescatou os cadáveres dos falecidos, ademais de obxectos procedentes do naufraxio.

Noutra balsa localizaron os catro primeiros cadáveres. Xa non se vía o barco, que estaba completamente afundido. O servizo de emerxencias do Canadá mobilizou un helicóptero, un avión e un buque de rescate ata a zona do afundimento.

O operativo reforzouse a media tarde cunha fragata. Como se ve nos mapas, as condicións do mar á hora do naufraxio eran malas. O Villa de Pitanxo traballaba no ollo dunha borrasca.

"O director da Mariña Mercante e o embaixador do Canadá confirman que hai moi mal tempo e que a situación é moi complexa".

Ademais dos pesqueiros, Salvamento Marítimo, a través do Centro Nacional de Coordinación en Madrid, e co centro de coordinación de rescate canadense de Halifax, mobilizaron unha embarcación que se dirixe á zona do naufraxio e un helicóptero e mais un avión que continúa coa busca dos catorce mariñeiros desaparecidos. As dúas aeronaves polo momento non atoparon restos do pesqueiro.

As condicións na zona son de vento, mal mar, con ondas de ata catro metros e visibilidade reducida.

A conselleira do Mar informa da situación dos mariñeiros rescatados con vida

Rosa Quintana explicou que os tres mariñeiros rescatados tras o afundimento do barco galego Villa de Pitanxo en Terra Nova sofren hipotermia e están sendo evacuados cara ao hospital.

O sétimo corpo sen vida recuperouse ás 18:52

Salvamento Marítimo confirmou que o rescate do sétimo mariñeiro sen vida se produciu ás 18:52 hora peninsular. Foi o pesqueiro portugués Novo Virgem da Barca o que recuperou a sétima vítima do naufraxio. 

Segundo confirman, continúan os labores de busca.

Un dos tripulantes falecidos era un biólogo canario

A conselleira do Mar xa informara de que un dos tripulantes falecidos era un biólogo canario, despois de que a Universidade de Vigo lle confirmara que o biólogo non era vigués.

O Colexio Oficial de Biólogos de Canarias ratificou a nacionalidade do biólogo que ía a bordo do Villa do Pitanxo.

A subdelegación do Goberno en Pontevedra púxose en contacto con todas as familias

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra acaba de confirmar que xa se contactou con todas as familias, pero pide prudencia porque os datos poden variar.

A Xunta pon equipos de psicólogos á disposición das familias

A Xunta puxo á disposición das familias equipos de psicólogos para atendelas nun proceso moi doloroso que se pode alongar no tempo.

Galicia decreta loito oficial

O presidente da Xunta publicou nas súas redes sociais o agradecemento ao rei Filipe, que lle trasladou esta tarde o seu pesar pola "traxedia humana" que supón o naufraxio. "Outra vez as xentes do mar son golpeadas dunha maneira durísima", asegurou Núñez Feijóo.

Ademais, tamén informo do decreto de loito oficial na comunidade autónoma polo sucedido.

Feijóo pon á disposición do Goberno e da armadora todos os medios que poida facilitarlles a Xunta

O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo puxo á disposición do Goberno e da armadora Nores todos os medios que poida facilitarlles o Executivo galego.

"Seguimos consternados polas terribles noticias que nos chegan desde o Canadá polo afundimento do barco de Marín Villa de Pitanxo", escribiu nas súas redes sociais, e enviou unha mensaxe de apoio ás familias.

O BNG manda unha mensaxe de "solidariedade e apoio"

O Bloque Nacionalista Galego compartiu na súa conta de Twitter unha mensaxe de solidariedade e apoio ás familias dos mariñeiros do Villa de Pitanxo. Ademais, Ana Pontón na súa conta persoal sinalou que o naufraxio deixa "unha enorme dor e consternación". Tamén brindou a súa axuda á conselleira de Pesca "para o que necesite".

O PSdeG "quere acompañar o mundo do mar"

Pola súa parte, os socialistas galegos publicaron un comunicado en que tamén trasladaron unha mensaxe de solidariedade e apoio ás familias das vítimas do naufraxio, a todo o pobo de Marín "e aos milleiros de traballadores e traballadoras do mundo do mar mentres agardan polas novas relativas ás tarefas de rescate".

Ademais, móstranse esperanzados logo do rescate, polo momento, de tres dos 22 tripulantes do pesqueiro.

Pedro Sánchez asegura que segue "en contacto continuo cos servizos de salvamento"

O presidente do Goberno publicou na súa conta de Twitter a súa "inquietude e preocupación" ante as tarefas de busca e rescate da tripulación.

"Vai ser un dos días máis tristes para a pesca galega", din na Asociación de Armadores de Vigo

A ministra portavoz Isabel Rodríguez manifesta que o Goberno segue "con inquietude e preocupación" as tarefas de busca

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade