O Supremo rexeita os recursos das familias do Pitanxo e pecha a porta a un xuizo por homicidio con dolo
O Supremo rexeita os recursos das familias do Pitanxo e pecha a porta a un xuizo por homicidio con dolo
O TS confirma a tramitación como procedemento abreviado
O TS lembra que os autos da Audiencia Nacional só poden recorrerse en casación cando a lei así o autorice ou cando sexan autos definitivos que poñan fin ao proceso
O Tribunal Supremo (TS) ditou un auto no que desestima os recursos de queixa presentados por familiares dos falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo contra a decisión da Audiencia Nacional de denegar a interposición dun recurso de casación co que pretendían que o proceso por esta traxedia se tramitase como un procedemento sumario, en lugar dun abreviado.
Así, na súa resolución, o TS lembra que os autos da Audiencia Nacional só poden recorrerse en casación cando a lei así o autorice ou cando sexan autos definitivos que poñan fin ao proceso.
No caso do 'Villa de Pitanxo, o alto tribunal lembra que a Audiencia Nacional acordou continuar o proceso polos trámites do procedemento abreviado, pero o seu non foi un auto definitivo porque "non pon fin ao proceso, senón que permite que o proceso continúe cara á fase intermedia e, eventualmente, ao xuízo oral".
Por tanto, a petición das familias non encaixa na lei de axuizamento criminal, senón que se trata de "unha cuestión de estrita legalidade ordinaria". Así, o auto da Audiencia Nacional non pon fin ao proceso e "a lei non dá cobertura de forma expresa á casación fronte a este auto", xa que a casación "non pode converterse nunha vía que poida utilizarse en calquera caso e fronte a calquera tipo de resolución baixo pena de facer exceder a súa función e contido".
Por outra banda, o Supremo tamén aclara que "non existe un sobresemento encuberto", e que tampouco existe un dereito "a que sempre e en calquera caso a parte acusadora seleccione e elixa o procedemento que debe seguirse no seu trámite".
Os familiares dos falecidos no naufraxio solicitaran a transformación en procedemento de sumario ao entender que houbo dolo eventual, é dicir, que o patrón e a armadora eran conscientes de que os incumprimentos que lles atribúen poderían ter como consecuencia o afundimento do buque.
Tanto a representación da armadora Nores como do patrón do barco, José Enrique Padín, así como a Fiscalía, opuxéronse aos recursos de queixa. A decisión do Supremo é firme.
A AN acepta incluir outros tres delitos, como pedían as familias
Por outra banda, o xuíz da Audiencia Nacional, Ismael Moreno, si aceptou a petición das familias de incluír outros tres delitos na súa acusación: un delito contra os dereitos dos traballadores na súa modalidade de imposición de condicións ilegais de traballo; un delito de falsidade documental; e un delito de estafa procesual en grao de tentativa (que lles atribúen aos dous directivos da armadora).
Deste xeito, a acusación particular eleva a súa petición de penas de prisión a 18 anos para o patrón, José Enrique Padín, e a 22 anos de cárcere para os outros dous imputados.
Con respecto á fianza solicitada pola AN, a acusación matizou que a fianza solidaria non foi depositada na súa totalidade, senón que se entregaron algo máis de 10 millóns de euros, e que os case 34 millóns restantes foron garantidos mediante aval bancario que xa foi aprobado e cuxa emisión se producirá nos próximos días.