Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Audiencia Nacional ve indicios de 21 delitos de homicidio por imprudencia no Villa de Pitanxo

A Audiencia Nacional ve indicios de 21 delitos de homicidio por imprudencia no Villa de Pitanxo

A investigación remítese ao xulgado de Marín, ao considerar que é o competente para intruír a causa

A Fiscalía cuestiona a versión do capitán e do seu sobriño, mentres que parece dar máis verosimilitude á do mariñeiro Samuel Koufie Kwesi

G24.gal 06/04/2022 12:37

O xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno enviou ao xulgado de Marín a investigación sobre o naufraxio do arrastreiro Villa de Pitanxo en augas internacionais próximas á illa de Terra Nova, no Canadá, ao ser esta a localidade onde radica o porto base do buque pesqueiro.

Segue así o criterio da Fiscalía, que considerou que a competencia para investigar o afundimento sería do xulgado territorial, o de Marín, e di no auto que "se concitan elementos indiciarios" que permitirían imputar "polo menos 21 delitos de homicidio por imprudencia grave e contra os dereitos dos traballadores".

O Villa de Pitanxo naufragou durante a madrugada do 15 de febreiro en augas canadenses con 24 mariñeiros a bordo, dos que unicamente sobreviviron tres. Só se puideron localizar os cadáveres de nove tripulantes.

A causa do afundimento chegou á Audiencia tras unha denuncia da Garda Civil de Pontevedra, que interrogou os tres únicos sobreviventes, entre eles o capitán; con versións contraditorias sobre a forma na que se produciu o afundimento e como faleceron por hipotermia os tripulantes.

Segundo o informe da Fiscalía, recollido no auto, o capitán Juan Enrique Padín dixo que sobre as 4:00 horas o motor parou, o que, dadas as condicións meteorolóxicas, determinou a entrada de auga pola aleta de babor ocasionando cada vez maior escora por babor.

Manifestou que ordenou o abandono do buque previa colocación do traxe de supervivencia e o chaleco salvavidas e que fixo a chamada de emerxencia. Segundo os datos técnicos, eran as 4:24 horas.

Despois, xa con todo colocado, prosegue o seu relato, dispuxéronse ao arriado das balsas por babor e estribor.

O seu sobriño, Eduardo Rial, relatou que o buque estaba a virar aos poucos e o motor parou, que empezou a entrar auga polo costado de babor e a escorarse e que o capitán deu o sinal de abandonar o buque. Entón, recolleu o traxe de supervivencia e o chaleco, co buque practicamente afundido.

A vesión de Samuel Koufie Kwesi contradi á do capitán

O terceiro sobrevivente, o mariñeiro Samuel Koufie Kwesi, explicou nun principio que, ao parar o motor, o barco quedou a mercé das ondas, de modo que empezou a entrar moita auga e se escorou cara a babor. Entón oíu ao capitán ordenar que subisen á ponte e fíxoo sen o traxe de supervivencia porque non lle deu tempo.

Pero nunha declaración posterior este mariñeiro deu unha versión absolutamente distinta: asegurou que o motor non para, senón que as maquiniñas que recollen o aparello deixaron de funcionar ben, provocando a escora.

Relatou que gritaron ao capitán que soltase os aparellos, pero que se negou, e que despois, co buque moi ladeado, o motor parou e incrementouse a escora de babor.

Tamén negou que o capitán ordenase poñer os traxes de supervivencia, aínda que el e o seu sobriño si os levaban, e que, cando consegue subir a unha balsa, o buque afundiuse producindo un buraco nesta. Chegou mesmo a detallar a orde de falecemento por hipotermia dos tripulantes refuxiados na balsa.

O mariñeiro xustificou o seu cambio de versión na presión que dixo sufrir por parte do capitán e o armador -a quen non identifica- na súa primeira declaración.

A Fiscalía sospeita que a súa primeira declaración pode non axustarse á realidade e cuestiona a versión do capitán, que dixo que a tripulación se puxo o equipo de salvamento, mentres que o mariñeiro Koufie indicou que só o levaban el e o seu sobriño, un feito "corroborado coa realidade" de que nin este tripulante nin ningún dos falecidos atopados o tiña posto.

Ademais, a Fiscalía cre que a velocidade do buque, instantes antes do seu afundimento, "suscita dúbidas acerca da versión do capitán" sobre a parada dos motores por avaría como causa determinante da escora e posterior naufraxio.

Marín, xulgado competente na causa 

O xuíz Ismael Moreno explica no seu auto que os tratados internacionais recoñecen a soberanía e o exercicio da xurisdición penal ao Estado do pavillón do buque, que supón unha extensión extraterritorial da soberanía, co fin de evitar lagoas competenciais en mar aberto.

"Nas presentes dilixencias ha de acudirse, de conformidade co informe do Ministerio Fiscal, ao atoparnos ante supostos delitos cometidos nun buque español afundido en augas internacionais, ao artigo 15 da Lei de axuizamiento criminal, correspondendo a competencia ao Xulgado de Instrución de Marín", recalca o xuíz.

Tamén o Tribunal Supremo atribúe a competencia aos xulgados territoriais e non á Audiencia Nacional cando o buque onde se cometeron feitos delituosos forma parte do territorio español.

Por tanto, di o xuíz, "os feitos que sucedan dentro dos buques ou aeronaves españolas", como é este caso, "quedan asimilados aos feitos cometidos" dentro do país e quedarían fóra dos límites da Audiencia, sendo a competencia do xulgado da localidade onde radica o porto base, Marín.

Reacción das familias dos falecidos

As familias dos mariñeiros falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo din que confían en que se faga xustiza. Consideran que hoxe máis que nunca cobra sentido a idea de baixar ao pecio para buscar probas. Iso, din, permitiría saber a verdade, aclarar as circunstancias do afundimento e, en caso de que sexa necesario, depurar responsabilidades. 

Condenas previas ao barco e á armadora

O Villa de Pitanxo acumulaba varias sancións por infraccións graves de pesca ilegal, entre elas, capturas de fletán negro sen declarar. Así consta nunha serie de sentenzas da Audiencia Nacional, ás que tivo acceso Europa Press, a última delas con data do 17 de xullo de 2020.  

En concreto, o Ministerio de Pesca sancionou en 2016 ao patrón do Villa de Pitanxo por seis infraccións graves da Lei de pesca marítima. As multas sumaban máis de 160.000 euros por cuestións como eliminación ou ocultación de probas en controis de inspección, falta de envío de posicións do buque, non contar coas autorizacións de pesca e diferentes incumprimentos relativos a capturas a bordo e desprazamentos. Ademais, comisáronselle 27.778 quilos de fletán negro, que estaban ocultas e non rexistradas no diario.  

As infraccións tamén se referían ao armador, Pesqueiras Nores, ao que se lle impuxo perda de puntos cos que contan os propietarios de barcos no regulamento de control europeo da pesca debido a cuestións como a eliminación de probas nas tarefas de control, así como pola alteración de datos de capturas.

O grupo Nores aduciu un erro de comunicación entre o persoal da embarcación, pois sostiña que o fletán non estaba oculto e que "foi o mariñeiro encargado o que esqueceu sacalo", recolle o fallo. Con todo, a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia deu por probada a infracción reflectida polos inspectores, que "comprobaron a existencia dunha adega oculta onde se atopaban as capturas de fletán negro embolsado e sen etiquetar nun total de 26.788 quilos".  

Os recursos presentados pola armadora do pesqueiro foron rexeitados por esta sentenza da Audiencia Nacional, que entre outras cuestións defende a pertinencia de impor a multa máxima de 60.000 euros nunha das sancións, dado que "só pola actuación dos inspectores chegouse a descubrir a ocultación do fletán nunha adega secreta, tendo en conta ademais as características do buque e que o fletán negro é unha especie sometida a especiais medidas de conservación".

Noutra sentenza previa da Audiencia Nacional de 2017, na que tamén se desestimaron os recursos de Pesqueiras Nores, recóllense infraccións graves sancionadas polo Ministerio en 2014, así como que os inspectores deron fe dunha "alteración intencionada" da clasificación de capturas de dúas filas de caixas de fletán negro para facelas pasar por capturas de raias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade