Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deaño: "Nun país democrático un Goberno non decide quen é culpable, son os xuíces"

Deaño: "Nun país democrático un Goberno non decide quen é culpable, son os xuíces"

O presidente territorial en Galicia da Asociación profesional da Maxistratura lamenta o dano causado polo caso García Ortíz

José Luís Deaño critica os ataques aos xuíces e que se fale de lawfare cando a independencia xudicial en España é algo indiscutible

Alerta da carga de traballo na xurisdición civil derivada de temas da área de consumo

 

G24.gal 07/12/2025 09:30 Última actualización 07/12/2025 09:31

O responsable en Galicia da Asociación Profesional da Maxistratura, José Luis Deaño, considera que a condena do Fiscal Xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, dana a imaxe que a cidadanía ten da Fiscalía, un órgano no que traballan mais de 2.000 profesionais que cada día desenvolven o seu traballo de forma eficiente e que se atopan envoltos nesta situación excepcional, asegura.

Na entrevista dos domingos na Radio Galega, José Luis Deaño, apunta a que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, errou cando defendeu a incocencia de García Ortiz antes de ser xulgado. 

"Nun estado democrático, quen decide se unha persoa é culpable ou inocente, non é o Presidente do Goberno, non son os ministros nin os medios de comunicación, senón os tribunais de xustiza".

O presidente en Galicia da Asociación Profesional da Maxistratura, critica o desprestixio que sofren os xuíces que ditan resolucións que ao Goberno non lle gusta. Entende que se quere dar a impresión de que os xuíces prevarican co obxectivo de salvar o investigado nunha causa penal.

"Cando se fala de lawfare, fálase de prevaricación xudicial. O que non se pode facer son ataques gratuítos nos medios de comunicación para desprestixiar as investigacións pero logo non incoar ningunha querela".

Independencia xudicial

José Luis Deaño explicou que, a diferencia do Poder Xudicial, a Fiscalía non goza do principio de independencia, senón que está sometida ao principio de unidade de actuación. É algo que sucede en España, aclarou, e no resto de países desenvolvidos.

Así mesmo, recalcou que a independencia do poder xudicial é algo indiscutible.

"Non hai ningún xuíz neste país que diga que non ten os mecanismos axeitados para actuar con independencia e no cumprimento estricto da lei, que é o seu labor xudicial".

 Reforma nos xulgados e situación en Galicia

O responsable dos maxistrados galegos ve luces e sombras na creación dos tribunais de instancia, unha reforma que entrará en vigor a partir do 1 de xaneiro.

Cre que a reforma do Goberno é boa porque implica crear seccións exclusivas de violencia de xénero en cidades como Lugo e Santiago, que non tiñan pero cre que hai que dotala de medios para que funcione.

En canto á actividade xudicial en Galicia, advirte do exceso de carga de traballo na xurisdición civil, sobre todo na área de consumo.

"A carga de traballo comeza a ser inasumible. Os xulgados ditan o dobre de sentenzas que hai cinco anos. Trátase dun problema estrutural. Necesítanse máis prazas e para iso é necesario que o Estado aprobe uns novos orzamentos".

José Luis Deaño di que proliferan os casos de demora derivados de negocios financeiros que se dedicaron a estender créditos á xente sen ter en conta a súa capacidade financeira e tamén aumentaron moito os casos de custos hipotecarios e cláusulas abusivas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade