O Goberno non espera "ningunha consecuencia" por vetar o uso das bases de Rota e Morón
O ministro de Exteriores, José Manuel Albares, asegura que non recibiu ningunha queixa por parte dos Estados Unidos
Rutte destaca o apoio clave de aliados como España aos EUA malia non participar no ataque a Irán
Os Estados Unidos xa recolocou noutros países os avións cisterna que tiña nas bases de Rota e Morón, tras prohibirlle o Goberno español usar estas instalacións para as operacións en Irán.
José Manuel Albares, ministro de Asuntos Exteriores, informou de que non ningunha queixa por este asunto e, polo tanto, non espera "ningunha consecuencia".
Pero Israel critica a postura de España, cuestiónase se "iso é estar no lado correcto da historia". Nunha nova publicación en redes, o seu ministro de Exteriores escribe: "En xaneiro quitáronlle a Maduro, agora quitáronlle a Jamenei. Que fará agora o pobre Sánchez?" Respondeulle Albares, cualificando de "realmente absurdo e ridículo" o razoamento do político hebreo.
O Goberno si ten o apoio do socio da coalición, de Sumar. A súa deputada Aina Vidal asegurou que non quere "unha España submisa".
Dende Bruxelas tamén se pronunciou a líder do BNG. Ana Pontón reclámalle á Unión Europea "que non siga cunha posición vergoñenta, axeonllada ante os Estados Unidos".
Podemos insiste en que España ten que saír da OTAN. Para a súa eurodeputada Irene Montero, "formar parte desa alianza militar que ten como xefe a Donald Trump, aos Estados Unidos, estanos poñendo en perigo, estanos convertendo nun obxectivo militar".
O PP pídelle prudencia ao Goberno. Segundo Ester Muñoz, voceira do partido no Congreso, "o presidente Sánchez sempre ve todo como un cálculo político interno, non está pensando nas consecuencias que pode ter para o noso país".