O IBEX 35, principal selectivo da bolsa española, cedeu este martes un 4,55 %, a súa maior caída en case un ano.
O índice retrocedeu 813,4 puntos, o maior descenso desde abril de 2025, e pechou en 17.062,4 puntos.
As perdas da sesión borran as ganancias logradas en 2026, que o venres, antes do inicio dos ataques a Irán, superaban o 6 %.
Acciona caeu un 11,77 %, Solaria baixa o 10,46 %, e Acerinox perde un 9,46 %.
No lado contrario, o único valor en positivo é Repsol cunha suba do 3,29 %.
Entre os grandes valores, Banco Santander retrocedeu un 6,22 %; BBVA, un 4,85 %; Inditex, un 4,4 %; e Iberdrola, un 3,74 %.
Nas principais prazas europeas tamén se rexistraron fortes caídas, as máis intensas desde hai case un ano.
Milán perde un 3,92 % cunha derruba das enerxéticas
A Bolsa de Milán pechou este martes á baixa e o seu índice selectivo FTSE MIB caeu un 3,92 % ata os 44.468,66 puntos.
As maiores caídas corresponderon ao sector enerxético: Italgas retrocedeu un 6,30 %, A2A perdeu un 6,08 % e Hera baixou un 5,74 %.
Entre os valores máis prexudicados situáronse tamén compañías do sector da moda: Moncler perdeu un 6,47 %, e Brunello Cucinelli, baixou un 5,57 %.
No selectivo só pecharon en positivo Lottomatica (3,32%) e a farmacéutica Recordati (1,35 %).
París baixa un 3,46 % e só un dos seus valores pecha en positivo
O principal índice da Bolsa de París, o CAC-40, pechou a sesión deste martes cunha caída do 3,46 %.
O principal índice da Bolsa de París rexistra a peor sesión desde abril de 2025.
Só un dos seus 40 valores pecha en positivo
A siderúrxica ArcelorMittal caeu un 7,63 %, o grupo de luxo Kering perdeu un 6,35 % e a empresa de compoñentes eléctricos Legrand baixou un 6,04 %.
O grupo industrial Saint-Gobain retrocedeu un 5,68 % e a compañía enerxética Engie cedeu un 5,56 %.
O único valor que pechou en positivo foi a consultora Capgemini, cunha suba do 2,84 %.
Frankfurt retrocede un 3,44 % e Beiersdorf (Nivea) caeu un 20,1 %
A Bolsa de Frankfurt caeu este martes un 3,44 % e pechou en 23.790,65 puntos, o nivel máis baixo desde hai tres meses. Acumula unha caída do 6 % desde o comezo da semana.
Os investidores temen unha crise enerxética se se interrompe o transporte a través do estreito de Ormuz, unha ruta clave para o cru e o gas, polo que as empresas químicas rexistraron fortes perdas.
Beiersdorf, fabricante de produtos da marca Nivea, caeu un 20,1 % ata os 83,66 euros tras presentar resultados e previsións.
A farmacéutica e química Bayer retrocedeu un 5,7 % ata os 38,31 euros.
O fabricante de semicondutores Infineon baixou un 6,2 % ata os 41,68 euros e Siemens caeu un 4,9 % ata os 226,45 euros.
O barril de Brent achegouse aos 84 dólares e o gas natural superou os 63 dólares por megawatt hora (MWh), novos máximos desde febreiro de 2025.
Só un valor subiu en Frankfurt: Deutsche Börse, xestor da Bolsa de Frankfurt, avanzou un 2,1 % despois de que varios bancos de investimento recomendasen mercar accións ao considerar que se beneficiará das turbulencias financeiras.
No MDAX de medianas empresas, Wacker Chemie perdeu un 7,8 % ata os 69,95 euros e Lanxess cedeu un 6,7 % ata os 16,83 euros.
Londres cae un 2,75 %
A Bolsa de Londres caeu este martes un 2,75 % nunha xornada na que só sete valores rexistraron ganancias.
O índice principal londiniense, o FTSE 100, cedeu 295,98 puntos ata os 10.484,13, mentres que o secundario, o FTSE 250 —que agrupa empresas máis pequenas, en xeral británicas—, descendeu un 3,11 % ata os 22.694,21 puntos.
A compañía británica de certificación de produtos Intertek Group derrubouse un 18,14 % tras anunciar unha previsión de ingresos peor do esperado.
Seguírona varias mineiras, prexudicadas polo fortalecemento do dólar, que encarece o prezo dos metais.
Endeavour Mining perdeu un 6,15 %, Antofagasta baixou un 5,84 % e Fresnillo cedeu un 5,44 %.
Só sete compañías pecharon con ganancias no FTSE 100, coñecido como ‘footsie’.
Entre elas situáronse a empresa de tecnoloxía médica Smith & Nephew, cunha suba do 3,58 %; a petroleira BP, cun 1,06 %; e The Sage Group, do sector do software, cun 0,88 %.
En Estados Unidos, Wall Street abriu á baixa co Dow Jones e o Nasdaq caendo un 2%
Wall Street abriu este martes en vermello. Na apertura do parqué neoiorquino, o Dow Jones baixaba un 2,15 % ata os 47.853 puntos. O S&P 500 cedía un 1,86 % ata as 6.753 unidades. O Nasdaq retrocedía un 2,04 % ata os 22.285 puntos.
Por segundo día consecutivo, o índice de volatilidade VIX do Chicago Board Options Exchange, coñecido como o “indicador do medo”, subía un 21 % respecto ao peche anterior.
O ouro e a prata, considerados activos refuxio en períodos de incerteza, tamén rexistraron perdas. O ouro cae un 3,36% e a prata un 8,46 %.
O sector tecnolóxico anotou fortes descensos.
O fabricante de chips Nvidia baixa un 1,69 % ao inicio da sesión tras pechar a xornada anterior cunha suba do 3 %. Microsoft cede un 0,92 %.
Pola súa banda, o petróleo intermedio de Texas (WTI) subía un 8,69 % ata os 77,42 dólares o barril tras unha xornada de fortes incrementos.
En Asia, a sesión tamén rematou en negativo.
O índice surcoreano Kospi caeu un 7,24 %.
O Nikkei de Toquio perdeu un 3,06 %; a Bolsa de Shanghái, un 1,43 %; e o Hang Seng de Hong Kong, un 1,24 %.
No mercado de materias primas, o prezo do petróleo mantén a tendencia á alza.
O barril de brent, cru de referencia en Europa, sobe case un 8 % ata os 83,81 dólares, mentres que o gas repunta máis dun 24 % ata os 53,83 euros.
Pola súa banda, o dólar revalorízase como activo refuxio.
O euro baixa ata os 1,158 dólares.
En cambio, o ouro cae case un 4 % e cotiza en 5.111 dólares a onza, mentres que a prata perde máis dun 7 % ata os 82,87 dólares.
A Bolsa de Abu Dabi e o mercado financeiro de Dubai retomarán a actividade o mércores
A Bolsa de Valores de Abu Dabi e o Mercado Financeiro de Dubái retomarán a actividade o mércores, dous días despois de suspendela pola guerra contra Irán, segundo anunciou a Autoridade do Mercado de Capitais dos Emiratos Árabes Unidos.
A decisión adoptouse tras unha coordinación continua entre a autoridade supervisora e ambos os dous mercados.
O mércores retomarase a negociación bolsista, así como os servizos de compensación e liquidación nos mercados de capitais dos Emiratos Árabes Unidos.
A autoridade indicou que continúa a supervisar de preto a situación.
Nesa liña, sinalou que adoptará as medidas que considere apropiadas, dentro das súas competencias legais e reguladoras, para protexer os investidores.