Lugo decreta o peche temporal dun polémico local que funciona como 'after'
O establecemento foi obxecto de numerosas queixas veciñais
O Goberno municipal resolve dous expedientes sancionadores impoñendo a suspensión da actividade do bar durante 47 días
O Concello de Lugo decretou o peche temporal dun establecemento hostaleiro situado na rúa Tui, un polémico local que funciona como ‘after’ e foi motivo de numerosas queixas veciñais, tras a resolución de dous expedientes sancionadores instruídos pola Sección de Movilidade Urbana e Sancións, por mor de reiteradas denuncias formuladas pola Policía.
O Goberno local informou nun comunicado de que ese establecemento foi denunciado en varias ocasións por superar o aforo máximo autorizado -fixado en 25 persoas- en distintas datas ao longo do ano 2025. Como consecuencia, resolveuse impoñer unha sanción consistente na suspensión da actividade de bar durante un período total de 47 días.
De forma paralela, tramitouse un segundo expediente sancionador por permitir a saída de vasos e consumicións á vía pública en varias ocasións, feitos tipificados na Ordenanza Municipal Reguladora da Contaminación Acústica, en relación coa lexislación estatal en materia de ruído. Neste caso, a resolución establece a imposición dunha sanción económica por importe total de 1.803 euros.
Á vista dos feitos acreditados e das propostas de resolución formuladas polos servizos instrutores, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, asinou os correspondentes decretos.
“Polos que se consideran probadas as infraccións e impóñense as sancións indicadas, acordando a suspensión temporal da actividade do establecemento durante o período fixado”, precisa o Goberno local.
O Concello de Lugo subliña que estas actuacións responden o exercicio das competencias municipais de inspección e disciplina en materia de actividades, co obxectivo de garantir o cumprimento da normativa, a seguridade das persoas usuarias e a convivencia cidadá.