A rotura dunha tubaxe en Pontevedra afecta a subministración eléctrica
A inundación danou un transformador eléctrico, no que se chegaron a producir explosións, e deixou sen luz as vivendas e a iluminación pública
Unha rotura dunha tubaxe na madrugada do venres en Pontevedra causou estragos en garaxes e rochos e afecta ao subministración eléctrica.
Segundo informaron fontes municipais, o incidente produciuse ao romper unha condución de auga na rúa Benito Corbal, á altura do número 49.
En plena madrugada, a rotura da tubaxe converteu dúas rúas do centro de Pontevedra nun río. A auga entrou con forza nun supermercado e no garaxe que comparten dous edificios.
"Rebentou a condución da traída. Ao principio só se vía o río que ía pola rúa, pero despois avisaron de que filtraba aos garaxes. Algúns aínda puidemos sacar os coches, a outros xa non lles deu tempo", explica Mercedes González, presidenta da comunidade de veciños.
A rotura da arqueta guindou gran cantidade de auga e afectou ao tendido eléctrico, e danou o transformador de Benito Corbal con Blanco Porto, e deixando sen subministración a iluminación pública e as vivendas da zona.
Ademais, a entrada de auga no transformador causou pequenas explosións e a rotura dunha parede divisoria dun garaxe dun inmoble da rúa Blanco Porto, que quedou anegado en parte.
"A policía e os bombeiros xa nos avisaron que había risco eléctrico, polo transformador. Dixeron que había que desaloxar ata aclarar que non había risco eléctrico nin estructural. Foi pouco tempo", relata González.
Debido a este incidente, durante a noite cortouse a vía en Cobián Areal e José Millán provisionalmente; e segue pechada Blanco Porto por seguridade. Na zona traballan efectivos de Viaqua e de Elecnor, que instalaron un xerador portátil para dar corrente ás vivendas afectadas pola avaría do transformador.
Aínda co susto no corpo, comezan xa a avaliar os danos nos vehículos e tamén nos rochos. A presidenta destaca que se inundaron "os tres andares de garaxe, aínda quedan nalgunhas zonas como dous dedos de auga".
Amais o incidente tamén obrigou a modificar o percorrido de dúas manifestacións con motivo do Primeiro de Maio para poder evitar a zona afectada polo incidente.