Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morre Ratko Mladic, o carniceiro dos Balcáns, condenado polo xenocidio de Srebrenica

Morre Ratko Mladic, o carniceiro dos Balcáns, condenado polo xenocidio de Srebrenica

Fora condenado a cadea perpetua pola súa responsabilidade en crimes de guerra en Bosnia

Mladic, nunha imaxe de arquivo diante do tribunal que o xulgou (Reuters-Arquivo) Mladic, nunha imaxe de arquivo diante do tribunal que o xulgou (Reuters-Arquivo)
G24.gal 27/08/2026 15:44

O excomandante serbobosnio Ratko Mladic, condenado a cadea perpetua pola súa responsabilidade en crimes de guerra en Bosnia, como o xenocidio de Srebrenica e o asedio de Saraievo, morreu este xoves aos 83 anos de idade, informou a secretaria de Estado do ministerio de dereitos humanos e minoritarios de Serbia, Lidija pavicevic, á axencia serbobosnia Srna.

Os medios de Serbia e a República Srpska de Bosnia-Herzegovina informan que Mladic morreu despois dunha longa e difícil enfermidade, citando fontes da súa familia.

Coñecido como o carniceiro dos Balcáns, foi condenado a cadea perpetua polo Tribunal Internacional da Haia (TPIY) despois de ser achado culpable de xenocidio, crimes de guerra e contra a humanidade, incluíndo a matanza de 8.000 persoas en Srebrenica e o asedio de Saraievo.

Mladic permaneceu prófugo da xustiza internacional durante 15 anos ata o seu arresto en maio de 2011 en Lazarevo, unha pequena localidade a uns 100 quilómetros ao norte de Belgrado.

Unha figura controvertida

"Regalamos a Srebrenica serbia ao pobo serbio. Chegou o momento de vingarnos dos 'turcos'", declarou Mladic ante as cámaras tras tomar a cidade, empregando un termo despectivo para referirse aos musulmáns bosníacos.

Así mesmo, o TPIY imputou a Mladic a dirección da campaña de terror contra a poboación civil en Saraievo, un asedio de case catro anos no que morreron máis de 10.000 persoas, entre elas uns 1.500 nenos.

Tamén foi condenado polo secuestro de cascos azuis da ONU durante o bombardeo da OTAN en 1995.

Mentres que para bosníacos musulmáns e croatas encarnou a barbarie do conflito, sectores ultranacionalistas serbios seguírono considerando un heroe tráxico e acusaron ao TPIY de actuar como un órgano "antiserbio".

O 18 de agosto, a defensa de Mladic presentou unha moción solicitando a súa liberación anticipada por razóns humanitarias e o seu traslado a un hospital ou centro de coidados paliativos designado en Serbia.

A solicitude de liberación, como se indicou, baseábase na probable morte inminente e na maior e máis continua presenza da súa familia, pero o tribunal considerou que Mladic tiña a adecuada atención médica na Haia.

Os medios de Serbia próximos ao Goberno informan da súa morte como dunha das persoas máis importantes da historia do país, así como da República Srpska, unha das entidades que conforman o Estado de Bosnia-Herzegovina.

O diario ‘Politika’ de Belgrado referiuse ao condenado por crimes de guerra como “un símbolo da defensa da República Srpska” e “unha das figuras máis importantes da historia recente de Serbia".

O editor xefe do tabloide ‘Informer’, próximo ao presidente do país, Aleksandar Vucic, asegurou que “a verdadeira noticia de hoxe non debería ser a morte de Ratko Mladic, senón o seu asasinato no Tribunal da Haia”.

Ese diario lembra que tan só hai unha semana, o presidente serbio solicitou á citada corte internacional a liberación de Mladic para que puidese morrer no seu propio país e lembra que a petición foi rexeitada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade