Comen a fartar e marchan sen pagar dun restaurante de Cee
Eran dúas mulleres e dous nenos, que fuxiron correndo do restaurante Toba
Os hostaleiros séntense impotentes ante unha práctica que se repite
Dúas mulleres, duns 40 anos, tiñan reserva no restaurante Toba de Cee, e non se privaron de nada xunto aos seus pequenos.
Antes do café saíron á terraza coa escusa de fumar e fuxiron correndo nun Kia Branco. Foron 60 euros de pufo. Pode non parecer moito, pero o dono quere alertar os compañeiros, porque os que marchan sen pagar adoitan ser reincidentes.
Son moitos os hostaleiros galegos que denunciaron esa mesma impotencia ante os que marchan sen pagar.
En familia ou con amigos. En terrazas e interiores. O caso é escapar sen pedir a conta, que adoita ser boa.
Pero ningún caso como o rexistrado no asador San Martiño de Teo, o maior que se recorda, con 5.000 euros sen pagar nun bautizo do que fuxiron coa escusa de botar uns fogos de artificio.
Desta volta neste bar de Cee non irán á xustiza polos 60 euros, pero a todas as normas da parede van engadir unha máis: paga o que debes se queres regresar.