Oito de cada dez mozos fan compras por Internet, moitos aínda sendo menores de idade
Algúns empezan aos catorce ou quince anos nas plataformas de produtos de segunda man
A maioría das webs só autorizan operar aos maiores de idade, pero non sempre se pode controlar
En caso de problemas os responsables civís sempre serán os pais ou titores
Temos un centro comercial na palma da man. A inmensa maioría dos españois usa a Internet, a maioría compra en liña (un 83 %) e a maioría deles (un 85 % tamén) faino usando o teléfono móbil.
Son datos evidentes pero tamén oficiais, recollidos no último informe do Observatorio Nacional de Tecnoloxía do Ministerio para a Transformación Dixital, que tamén revelan outra realidade: moitos son menores de idade. O 79 % dos mozos entre os 16 e os 24 anos que usan a Internet, isto é, falamos de practicamente todos, fai compras en liña.
E a porta de entrada a esa actividade son, a miúdo, as plataformas de compravenda de produtos usados. Compran e venden cousas tamén.
"Comecei sobre os quince anos, revendendo algunha roupa que compraba en Vigo", relata un mozo que estuda na Universidade.
"Con dezanove anos, por gañar algo de cartos con roupa que non utilizaba", explica outra moza.
"Empecei con dezaseis e ata hai pouco tamén vendín algunha cousa", engade outro estudante da cidade.
As principais plataformas de compravenda esixen ser maior de idade para poder abrir unha conta. Cómpre verificar a idade subindo algún documento de identificación. Os menores só poden operar baixo supervisión dun adulto. Pero ás veces, despois, non hai un control real da actividade.
"O que hai que ter en conta sempre é que a responsabilidade civil, é dicir, o dano monetario que ese menor cause é sempre asumido polos pauis ou titores legais deses menores", advirte Julio Dorado, do despacho de Teder Abogados en Vigo.
Cambio na lei
Antes, en España os menores de idade non tiñan ningunha capacidade legal para comerciar. En 2105 a reforma do Código Civil introduciu un cambio para se adaptar aos tempos: poden contratar produtos ou servizos pero só en aspectos da vida corrente propios da súa idade. Pero que significa exactamente iso? Difícil precisalo.
O que si está claro é que se hai algún problema os responsables acaban sendo os adultos. Se un menor de idade comete unha infracción nunha páxina de compravenda danse dous supostos: se ten menos de catorce anos non pode ser castigado penalmente pola Lei. Entre os catorce e os dezaoito aplicaríasellle a Lei do Menor. Pero a responsabilidade civil será sempre dos pais ou titores legais.
Con todo, os que máis compran en liña son os maiores de idade, claro. É a franxa da poboación entre os vinte e cinco e os cincuenta e cinco anos.