Galicia será a primeira comunidade en ter unha lei específica contra a violencia dixital
A normativa pretende evitar que as condutas violentas en Internet queden impunes, e dotar as vítimas de información e recursos
Antes de que remate o ano haberá unha lei galega de violencia dixital. Este xoves, tras a reunión dos responsables de Política Social con representantes das vítimas, forzas de seguridade, psicólogos e entidades sociais, presentaron algúns dos detalles do texto, que queren rexistrar no Parlamento Galego antes de que remate o actual período de sesións.
A lei contempla un servizo gratuíto de asesoramento xurídico e garante o borrado dixital do contido abusivo ou difamatorio, con especial fincapé na protección dos menores.
"Queremos continuar ademais detectando xeolocalizadores que aínda teñen moitos nenos e non son consentidos e poñer en marcha ese centro de formación en novas adiccións no ámbito das novas tecnoloxías", explicou Fabiola García, conselleira de Política Social.
A conselleira compareceu acompañada da nai dunha nena de doce anos, da que outro menor difundiu en redes fotografías íntimas.
"As vítimas precisan apoio e que os agresores non queden impunes, como no caso do agresor da miña filla: o caso quedou arquivado e non soubemos máis nada", declarou Judit de la Fuente, nai dunha nena que sufriu violencia dixital.
A lei busca protexer persoas que ceden -baixo presións ou ameazas- imaxes ou datos que despois os agresores usan para acosalas. E incide no aspecto da concienciación e a formación.