Bruxelas multa con 550 millones a AliExpress por vender productos ilegais e perigosos
A plataforma chinesa ten ata o 20 de outubro para presentar un plan coas medidas que vai levar a cabo para corrixir estas prácticas
É a sanción mais elevada que a CE impuxo ata agora a unha empresa por imcumprir a lei contra as falsificacións, despois da interposta a Temu en maio por valor de 200 millóns de euros
Arquivo/Eduardo Parra/Europa Press
A Comisión Europea multou este luns a plataforma chinesa de comercio electrónico AliExpress con 550 millóns de euros por non combater de forma eficaz a venda de produtos ilegais e poñer no mercado bens falsificados ou que incumpren as normas de seguridade.
O Executivo comunitario considera que AliExpress non ten o persoal suficiente para revisar a presenza de produtos ilegais na plataforma e acúsaa de sobreestimar a capacidade que ten o seu sistema informático para detectar e eliminar os anuncios deste tipo de bens.
Bruxelas asegura, ademais, que o sistema non funciona correctamente, xa que moitos bens ilegais, como produtos falsificados ou xoguetes e cosméticos que incumpren as normas de seguridade, seguiron mostrándose durante varias semanas mesmo despois de seren detectados, segundo explicou nun comunicado.
Neste sentido, a Comisión culpa a AliExpress de non avaliar adecuadamente os riscos que os seus algoritmos poden causar aos clientes, xa que lles seguen ofrecendo produtos ilegais antes de que poidan eliminarse da plataforma.
A Comisión tamén a acusa de non aplicar adecuadamente o seu réxime de sancións, porque permitiu que as tendas que venden produtos ilegais puidesen seguir operando na plataforma a pesar de ser penalizadas e engade que o sistema obrigatorio de autorización de marcas que deseñou a compañía resultou ser ineficaz, xa que os vendedores de produtos falsificados poden eludilo facilmente.
Bruxelas afirma que os produtos falsificados representan un risco significativo en AliExpress, o cal non só ten consecuencias para os consumidores, senón tamén para as empresas lexítimas que invisten en deseño, probas de seguridade e innovación, e obrígaas a competir con produtos que eluden estes investimentos.
AliExpress ten agora ata o 20 de outubro para presentar un plan á Comisión Europea coas medidas que vai levar a cabo para corrixir estas prácticas. Bruxelas terá entón un mes adicional para avalialo e propoñer un calendario razoable para a súa execución.
Das tres multas que a Comisión Europea impuxo ata a data polo incumprimento da lei DSA, que obriga ás plataformas a combater o contido ilegal, a de AliExpress é a máis elevada, tras os 200 millóns de euros cos que multou a Temu en maio por non previr tampouco a venda de bens ilegais e os 120 millóns de euros a X en decembro do ano pasado por falta de transparencia.