OPINIÓN
Os papeis non empregan, por María Bastida
Recentemente tivemos unha regularización extraordinaria. Miles de persoas que levaban anos aquí, moitas delas traballando na economía somerxida, pasaron a ter papeis. Ese foi o titular. Pero os papeis, por si sós, non dan traballo. O difícil empeza ao día seguinte, cando alguén sae cun permiso na man e ten que atopar un emprego de verdade. E aí é onde me parece interesante o programa que anunciou onte a Xunta para Galicia.
A idea é sinxela. Coller persoas que buscan emprego e conectalas coas vacantes que realmente existen nas empresas galegas. O interesante é a orde. Primeiro fálase coas empresas, mírase onde falta xente, que postos están sen cubrir e que competencias fan falta. E despois fórmase as persoas para eses empregos. Parece de sentido común, pero levamos décadas facendo xusto o contrario. Temos un curso e buscamos a quen meter nel, en lugar de ter un posto de traballo e formar a alguén para ocupalo. Agora apúntase a este proceso inverso e lóxico, formación curta, moi concreta e pensada para un emprego que existe.
Hai outro detalle interesante. O programa faise con entidades que levan anos traballando con estas persoas. Non se inventa outra estrutura administrativa. Utilízase unha rede que xa existe, que coñece os problemas e, sobre todo, que coñece á xente. E logo están esas pequenas cousas que ás veces contan máis que unha grande estratexia. Haberá axudas, por exemplo, para sacar o carné de conducir. Pode parecer unha cuestión menor. En Galicia non o é. Se un emprego está nunha residencia, nun hotel da costa, nunha explotación gandeira ou nun polígono ao que non chega un autobús, non ter coche pode deixarte directamente fóra. Aquí a mobilidade tamén é empregabilidade.
O encaixe, ademais, é evidente. Galicia envellece, morre moita máis xente da que nace e hai sectores que teñen dificultades serias para atopar persoal. Ao mesmo tempo, temos máis de dúas mil persoas recentemente regularizadas buscando traballo. As dúas cousas non encaixan soas. Haberá que formar, acreditar competencias, ensinar o idioma cando faga falta ou adaptar perfís. Pero poden encaixar. E non facelo tamén ten un custo. Persoas sen traballo por un lado e empresas con vacantes que non conseguen cubrir polo outro. De momento, o programa é un bo comezo. Haberá que ver cantas persoas chegan realmente ao contrato e, sobre todo, cantas continúan traballando dentro dun ano ou dous. Porque esa é para min a clave. A integración laboral non se consegue cun papel nin cun curso. Constrúese cun emprego, cun horario, cunha nómina e cunha cotización á Seguridade Social.