Detido en Mos con máis de 100 pastillas para a disfunción eréctil e billetes falsificados
O medicamento procedía da India e non está autorizado para a súa comercialización en España
Policía Local de Mos
Axentes da Policía Local de Mos detiveron un home de 34 anos de idade como presunto autor dun delito contra a saúde pública e dun de falsificación de moeda, e ao que lle interviñeron máis dun centenar de comprimidos dun medicamento para potenciar a función sexual e varios billetes falsificados.
O home foi interceptado o pasado 25 de agosto na rúa Ludeiro, na parroquia de Tameiga, cando os axentes observaron que o coche non tiña a ITV en vigor.
Tras darlle o alto, os policías observaron que o condutor estaba moi nervioso, polo que fixeron unha inspección exhaustiva do coche e localizaron un bolso con catro billetes de 50 euros supostamente falsificados.
Tamén interviñeron 110 comprimidos dun medicamento procedente da India para potenciar a función sexual e non autorizados para a súa comercialización en España. Ao tratarse de medicamentos introducidos á marxe das canles legais, carecían das garantías esixibles e o seu consumo sen supervisión médica pode representar un risco para a saúde. Ademais, os axentes localizaron outros 30 comprimidos doutros medicamentos.
Por outra parte, o condutor levaba outros 680 euros en billetes de curso legal, o que levantou as sospeitas da Policía, ante unha posible actividade ilícita de distribución e venda deses medicamentos. Ante todos eses indicios, os axentes procederon á detención del condutor que, posteriormente, foi trasladado a dependencias da Garda Civil para a súa custodia e posta a disposición xudicial.