Aínda quedan cafés a 1 euro, malia a inflación
Son poucos, pero aínda queda algún establecemento que resiste a inflación
Os vasos de café sucios acumúlanse no mostrador deste bar de Culleredo. O seu propietario non dá a basto para atender toda a clientela e un pregúntase se o segredo deste éxito está no prezo do café.
"1 euro, 1 euro. Si", sentencia Francisco Javier Santos, propietario de La de Pancho
E non é o único.
"Pois o café a 1 euro hai 25 anos xa. Dende que entrou o euro, eu teño o café a 1 euro", conta María Matías, propietaria do bar La Granja.
Son exemplos de resistencia á inflación. Sacrifican as ganancias con tal de botarlles unha man aos seus clientes.
"As cousas non están para subir, están malas para nós e están mal para o cliente, entón hai que equilibrar a báscula", continúa María.
"A xente está contenta, entón xa está", recoñece Pancho.
"Home, non estás gañando o que gañabas hai 25 anos, pero tampouco perdes; vendendo cantidade non se perde", revela a propietaria do bar La Granja.
"Cada un mira o seu, a min cóbreme", afirma o hostaleiro.
Os grandes volumes son a base destes negocios.
"Se eu vendese 4 cafés ou 5 ao día eu non podería manter iso a 1 euro, nin por asomo", recoñece a hostaleira.
Os cafés diarios que serven cóntanse por centenares, sen restarlle un ápice á calidade. Os clientes ben o saben. Incrédulos quedan os que veñen de fóra.
"Sorpréndense, isto non pode ser, ata deixan 1,50 por se acaso, e hai xente que deixa, pois iso, 10, 20 céntimos enriba", conta Francisco Javier Santos, propietario de La de Pancho.