A AP-9 instala o primeiro corredor de electrolineiras ultrarrápidas de Galicia
Instalaranse sete estacións en todas as súas áreas de servizo, con 74 prazas de recarga
Punto de recarga para vehículos eleéctricos na área de servizo do Burgo (Miguel Riopa)
Autoestradas da Atlántico SA (Audasa) pon en servizo, desde este mércores, o que reivindica como "o primeiro gran corredor de electrolineiras de carga ultrarrápida en Galicia", que contempla a instalación de sete estacións en todas as súas áreas de servizo, con 74 prazas de recarga.
A primeira electrolineira en entrar en funcionamento é a da área de servizo do Burgo (A Coruña), que abrirá este mércores. Nas próximas semanas sumaranse as dúas de Ameixeira (norte e sur).
A instalación do Burgo está operada pola firma Atlante e a de Ameixeira, por Plenitude On The Road, segundo informa a propia Audasa nun comunicado de prensa.
O contrato subscribido entre Autoestradas do Atlántico e dúas das compañías "máis potentes do sector de electromobilidade", destaca, inclúe un investimento inicial de 7,6 millóns de euros para que as sete estacións con 74 surtidores de carga para vehículos eléctricos entren en funcionamento este ano.
A instalación das electrolineiras está a levarse a cabo en todas as áreas de servizo da autoestrada, o que permitirá dispoñer de puntos de carga cada 36 quilómetros ao longo da AP-9.
Na área de servizo de Compostela ademais habilitarase unha electrolineira específica para camiones. Cada surtidor ofrece potencias entre 160 quilowatts (kW) e 300 kW, capaces de recargar unha batería entre 5 e 20 minutos, dependendo do tipo de vehículo.
Na actualidade, segundo Audasa, só o 8 % dos puntos de carga en vías que hai en Galicia son de media ou alta capacidade, o que converte a Autoestradas do Atlántico no primeiro roteiro dotado cun servizo integral de carga rápida para vehículos eléctricos.
Os 220 quilómetros da Autoestrada do Atlántico pertencen ao Ministerio de Transportes e forman parte da rede europea de vías de alta capacidade (E1).
A AP-9 rexistra 115 millóns de viaxes anuais, dos que máis dun terzo prodúcense nos 37 quilómetros de tramos gratuítos, de acordo cos seus datos.
A entrada en servizo do resto de electrolineras producirase "de forma progresiva", indica, "dependentes da tramitación dos permisos e licenzas necesarios ante as distintas administracións públicas e autoridades competentes".