A ría de Vigo fornece de vieira o mercado, con oito barcos traballando e unha media de capturas de mil quilos diarios
A ría de Vigo fornece de vieira o mercado, con oito barcos traballando e unha media de capturas de mil quilos diarios
As analíticas positivas permitiron iniciar a campaña nos últimos días de marzo, e agárdase que se manteña no mes de abril
Todo o molusco vai para a planta de eviscerado do porto de Cambados, cuxos pedidos marcan os topes de captura de cada día, repartidos entre os tripulantes que saen ao mar
A campaña da vieira está a ser desigual nas distintas rías galegas. Mentres na Arousa as capturas non chegan aos niveis agardados, porén na de Vigo, os barcos con permiso para este bivalvo cumpren sen problema as cotas diarias, tanto en cantidade como en calidade.
Da ría de Vigo está saíndo agora boa parte da vieira que se procesa na planta de eviscerado de Cambados, xa que o recurso é escaso en Arousa. Aquí no porto de Cangas descargan os oito barcos autorizados nesta campaña. Hoxe traballaron cinco. O tope de capturas vai en función do pedido da planta e dos tripulantes que saen cada día. A media está nuns mil quilos por día. Por agora o recurso é abundante e de boa calidade. A confraría está pendente da resolución que autorice as capturas no vindeiro mes de abril
Nas inmediacións da ponte de Rande cría a mellor vieira da ría viguesa. Despois de moitos anos pechada polos persistentes episodios de toxina, a especie semella que está recuperada e por fin neste mes de marzo puido arrancar a campaña.
"Estivo un pouqiño condicionada ata esa data polas analíticas, que ata agora non nos deron ben e arrancamos. Aínda que un pouco fóra de tempo, entre comiñas, como se adotia dicir, porque habitualmente é nesta épcoa cando paras, pero bueno, como a vieira aínda está en bo estado do nadal, non fixo o desove, pois estamos agora en plena campaña", di David Fernández, xerente da confraría de pescadores de Cangas.
O barcos que cada xornada saen traballar cobren axiña a cota diaria. E cun produto de calidade.
"Perfecto, a vieira ten un tamaño excelente, as capturas cóllense rápido..., unha campaña cojonuda!", afirma satisfeito Eligio Ferradás, patrón dunha das embarcacións de Cangas autorizada para a pesca de vieira.
O tope de capturas vén marcado polas peticións da planta de eviscerado de Cambados, a onde vai destinado todo o bivalvo.
"Pois o tope que a planta nos pon para cada día divídese entre o número de tripulantes que van a bordo dos barcos. Estamos falando dunha media de 85-100 quilos por tripulante e día", apunta David Fernández.
11 centímetros é o tamaño mínimo permitido. O prezo está fixado dende o inicio, este ano a seis euros o quilo. Os mariñeiros agardan que a campaña se manteña en abril, aínda que dependen das condicións do mar.
"Vai estar condicionado a como evolucione a propia vieira, se o estado do nadal se mantén, se non desova, pois poderemos seguir durante o mes de abril. Pero se se vai detectando que merma, teremos que parar antes", comenta o xerene da confraría.
"De momento, polo que se oe por aí, en Cambados a cousa estaba un pouco frouxa. Hai que aguantar e ir vendo, se aguanta, non desova e as temperaturas se manteñen así, pois intentaremos aguantar unha temporadiña máis", expresa Eligio Ferradás, mariñeiro que nesta tempada se dedica á vieira.
A vieira, manxar para o padal, é un recurso máis para a frota, cada vez máis obrigada a diversificar as capturas.