Xunta e asociacións agrarias piden ao Goberno melloras na lei da cadea alimentaria
Esta fronte común insta a actuar ante o intento das industrias lácteas de renovar á baixa os contratos de subministración cos produtores
A Xunta pactou este martes con Unións Agrarias (UU. AA.) e a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) pedir ao Gobierno central cambios na lei da cadea alimentaria para actuar ante o intento das industrias lácteas de renovar á baixa os contratos de subministración cos produtores.
Representantes destas tres entidades reuníronse esta mañá na sede da Consellería do Medio Rural para abordar a situación apenas unhas horas antes de que se asinen e entren en vigor os novos contratos, nos que as empresas expoñen aos gandeiros descensos de ata dez céntimos no prezo do litro de leite.
Trátase dunha situación que, en palabras do vicesecretario xeral de UU. AA., Félix Porto, "pode levar por diante a moitas familias" que traballan neste sector por facer inviables as explotacións; polo que insistiu na importancia de "que opere dunha vez por todas a racionalidade" e se impida esta baixada "desproporcionada".
O director xeral de Gandería e Industria Agroalimentaria do Gobierno galego, José Balseiros, explicou que a Xunta e as asociacións agrarias acordaron demandarlle ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que modifique a citada lei para "determinar con absoluta claridade" que organismos, estatais ou autonómicos, deben supervisar que non se compre o leite a prezos inferiores ao custo de producila.
Este texto legal prohibe expresamente a venda por baixo de custos e establece que ningún elo da cadea pode pagar ao anterior menos do requirido.
Así mesmo, o Executivo autonómico e as organizacións agrarias tamén consideran que se debe incluír na norma que rexe a cadea alimentaria unha porcentaxe mínima de rendibilidade nas operacións de compravenda para os produtores e un mecanismo de prórroga de polo menos un mes para que, nestes contextos, os gandeiros non queden "indefensos" nas negociacións coa industria.
De non chegar a acordo para a renovación dos contratos, as explotacións galegas enfróntanse a que non pasen os camións de recollida do leite e a ter que tirar parte da súa produción por non poder darlle saída.
"Esta non é a mensaxe que hai que mandarlles a esas persoas que se incorporan" ao sector, apuntou Balseiros, en referencia á remuda xeracional no lácteo galego, antes de aproveitar a ocasión para chamar á "responsabilidade" das industrias compradoras.
Denuncian a entrada de leite desde terceiros países
Pola súa banda, Félix Porto, de UU. AA., avogou por "queimar todos os cartuchos posibles" para evitar que se materialicen os novos contratos nestas condicións e reclamou tamén que Medio Rural active os mecanismos de inspección necesarios para frear a entrada de leite de terceiros países, como Francia ou Portugal, "a prezos de derruba" por baixo dos de mercado.
Porto denunciou que estas importacións están "a modificar o normal funcionamento do mercado do leite" e que, por iso, darán conta das mesmas á Fiscalía e á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia para que se avalíen posibles actuacións.
Ademais, avanzou que tratarán de impulsar unha comisión de investigación no Parlamento de Galicia "para ver que industrias están a utilizar prácticas desleais".
O presidente de Asaga, Paco Bello, tamén participou na reunión e trasladou que o lácteo é un sector "estratéxico" para Galicia que require do apoio dun ministerio ao que ve, na súa opinión, "desaparecido" neste conflito.
Así mesmo, Bello cargou contras as industrias lácteas por unha "tropelía" que chega "despois de tres anos de certa normalidade" nos contratos e reprochoulles que convertan aos gandeiros en "reféns" das súas prácticas.
"Non podemos permitir que ningunha explotación en Galicia teña que pechar porque non cobre nin os custos de produción", sostivo, antes de agregar que "é necesario e totalmente innegociable que a industria retire esas propostas tan á baixa que fixeron e nunca na historia se deran".