Escolares de Lugo celebran o Día Internacional do Leite
Uns 150 escolares participan en diversos obradoiros na Aula de Produtos Lácteos
Uns 150 escolares de varios colexios visitaron a Aula de Produtos Lácteos, en Lugo, con motivo da celebración do Día Internacional do Leite. Nas distintas salas do centro, o alumnado participou en diversos obradoiros, como un taller de cata de batidos e outro de iogures de cores que non tiñan nada que ver cos seus sabores.
Pero a actividade que máis lle gustou á rapazada foi a da elaboración e cata de queixos. Nela degustaron os produtos das catro denominacións de orixe galegas.
Os nenos tamén asistiron a unha charla divulgativa. Nela explicáronlles a importancia que o sector lácteo ten no noso país e o papel fundamental que o leite e os seus produtos derivados xogan nunha alimentación saudable.
"É un alimento moi completo, que ten moita proteína, moitas vitaminas ou calcio. Nutricionalmente é moi importate. Entón, resulta fundamental o consumo tanto de leite como de produtos lácteos, posto que se trata dunha fonte moi boa deses nutrientes tan benficiosos para a nosa saúde", sinala Manuel Gómez, técnico de investigación da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias.
Foi unha xornada especial para celebrar os beneficios do leite e dos produtos lácteos.