"Baixan unilateralmente o prezo do leite cando os custos de produción están subindo"
O secretario xeral de UU.AA. confía en que a comisión parlamentaria que os grupos acordaron crear na Cámara permita regular o mercado
Roberto García denuncia a imposición de contratos ilegais por parte da industria: "O contrato non se pode impoñer por unha parte, ten que ser negociado"
O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, saúda a disposición dos grupos parlamentarios para crear na Cámara galega unha comisión que permita buscar solucións á crise que sofre o sector lácteo por mor da caída dos prezos do leite.
Na actualidade, os gandeiros reciben 52,4 céntimos por litro, unha cantidade que se sitúa por baixo da media estatal. García denuncia que a industria está "baixando unilateralmente o prezo do leite nun momento en que se están incrementando os custes de produción sen que haxa razóns de mercado" e pide unha regulación para evitar estes abusos que están comprometendo a viabilidade das nosas explotacións.
"É necesario regular e fortalecer o papel do gandeiro á hora de negociar. Non ten sentido que cando se lle suben os costes ao gandeiro se produza a baixada máis grande da historia porque hai unha industria que se coordina para facelo. Iso haino que regular".
Unións Agrarias responsabiliza a industria da actual situación e así o denunciaron na Fiscalía. Dende o sindicato afirman que "baixar un 60 % a marxe de beneficio coloca nunha situación complicada" especialmente aos mozos, que están tomando o relevo coa apertura de novas explotación e ven a súa liquidez comprometida.
"O contrato non se pode impoñer por unha parte, ten que ser negociado"
O secretario xeral do sindicato, Roberto García, confía en que a creación da comisión parlamentaria permita poñer fin aos contratos abusivos impostos pola industria.
"Desta comisión teñen que sair normas que non deixen lugar á interpretación e ao voluntarismo. O contrato non se pode impoñer por unha parte, ten que ser negociado, e introducir mecanismos de arbitraxe e supervisión".
García felicítase polo apoio amosado polos distintos grupos da Cámara para crear esta comision de control. Agora ultiman as propostas de comparecentes e o deseño dun plan de traballo que será presentado a semana que vén.