A Xunta activa un plan especial de control para protexer os produtores lácteos
Medio Rural enviará á Comisión Galega da Competencia toda a información relativa á renovación dos contratos lácteos
Tamén se farán, anuncian desde a Consellería, “controis estritos” das cisternas que entren en Galicia procedentes doutros países
Europa Press-Arquivo
A Consellería do Medio Rural enviará á Comisión Galega da Competencia toda a información relativa á renovación dos contratos lácteos e iniciará un "plan especial de control" co fin de protexer os produtores da comunidade. Así o sinalou este martes a conselleira, María José Gómez, durante unha visita no Porriño
“Ante as denuncias de posible entrada de leite doutros países, alén das inspeccións rutineiras implementamos un plan especial de control”, dixo a conselleira.
En primeiro lugar, a Xunta revisará “todos e cada un dos contratos” por parte da industria para certificar que non hai incumprimentos, e en caso de habelos, enviará esa información á Comisión Galega da Competencia para que actúe se procede.
Tamén se farán “controis estritos” das cisternas que entren en Galicia procedentes doutros países para verificar tanto a calidade do leite como o seu prezo co obxectivo de evitar a competencia desleal. De novo, en caso de apreciar irregularidades, a información será remitida á Comisión Galega da Competencia.
Para rematar, a Xunta vixiará que todo o leite que entra en Galicia leva a “imprescindible” etiqueta da UE que garante a súa rastrexabilidade.
Son medidas que suceden á renovación dos contratos lácteos en Galicia, que se asinaron á baixa dun xeito que desde a Consellería consideran “inxustificada” a pesar dos seus esforzos de diálogo, dixo a conselleira, coa industria, a distribución, os produtores e os sindicatos.
“Hoxe temos 20 expedientes abertos en que se está traballando para protexer o sector primario”, concluíu a conselleira antes de solicitar a colaboración do sector.