Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alumnos de 26 centros participan nos campionatos de baristas e de cata de Foz

Alumnos de 26 centros participan nos campionatos de baristas e de cata de Foz

Os concursantes nos certames proceden de escolas de hostalería de España, Portugal e, por vez primeira, de Italia

 

Un participante no campionato de baristas aplica unha crema sobre copas de café
Félix Aragunde. Imaxe: Afonso G. Novoa. 26/02/2026 13:56

Coa celebración do campionato de baristas e de cata do seu instituto de ensino secundario, Foz convértese estes días na capital europea do café. Non en van, nestes certames concursan alumnos de 26 escolas de hostalería, 24 de todo o ámbito estatal e outras dúas de Portugal e de Italia.

"Este certame é moi recoñecido a nivel internacional. É o campionato máis importante de escolas en España", sinala Álvaro González, participante canario. 

"Son estudante da Escola de Hostalería das Illas Baleares e traio un café indonesio que segue un proxecto con prácticas sustentables no bosque tropical. Colabora cos pequenos produtores da zona e protexe o orangután de Sumatra, que é unha especie en perigo de extinción", engade o mallorquín Eduardo Carmona. 

Estes concursos organizados polo instituto focego celébranse dende hai xa 18 anos. Como novidade, nesta edición céntranse exclusivamente no alumnado das escolas, prescindindo do campionato de baristas profesionais.

"O certame de profesionais coincidía con outro importante que había en Madrid, polo que nos pareceu mellor centrarnos nas escolas, que é o que nós somos, e así darlles máis visibilidade", explica Leticia Maseda, directora do IES de Foz. 

"O que queremos é poñer en valor este produto, e ao mesmo tempo que saian bos profesionais ao mercado laboral. Ao final, beneficia a todo o mundo", subliña Xosé Ríos, organizador dos campionatos. 

Doutra banda, ata once firmas cafeteiras acoden para amosar os seus mellores produtos nesta cita aberta ao público. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade