Rueda avoga por captar talento galego no exterior para construír unha "Galicia Calidade"
Agarda que "non acabe o ano" sen que Galicia teña as competencias en materia de autorizacións iniciais de traballo
O presidente da Xunta apostou por captar talento galego exterior para construír unha "Galicia Calidade" que "necesita de todo o mundo e de salvia nova". Así o sinalou este xoves durante o acto de entrega de diplomas aos beneficiarios das Bolsas de Excelencia á Mocidade Exterior e do programa Retorna Talento FP, celebrado na Cidade da Cultura.
Neste contexto, o mandatario galego incidiu en que estas axudas teñen como obxectivo que os descendentes de galegos teñan a oportunidade de volver "á terra dos seus pais e os seus avós para formarse, pero tamén para invitalos a quedarse".
"Interésanos moito que veñades aquí", afirmou Rueda, quen fixo referencia á "excelente formación" coa que contan os bolseiros e como poden mellorala nas "tres magníficas universidades públicas de Galicia".
"Aínda que tomedes a decisión de volver, o feito de estar aquí, de coñecernos e de impregnarvos do que é ser galego e do que é Galicia, para nós xa é vantaxoso. Polo tanto, imos facer o posible para que todo isto sexa útil", afirmou o presidente autonómico.
A continuación, Rueda apostou por seguir traballando naquelas cuestións que "aínda están por solucionar", polo que volveu a instar o Goberno central a acelerar a homologación de títulos universitarios.
Así mesmo, fixo referencia aos permisos de traballo daquelas persoas que non teñen nacionalidade española, e expresou que espera que "non acabe este ano" sen que o Goberno central traspase á Xunta as competencias en materia de autorizacións iniciais de traballo.
O prazo para a décima edición das bolsas BEME está aberto e pode solicitarse ata o 30 de abril, data ata que a que poden pedirse as bolsas do Retorna Talento FP.
Pola súa banda, Maite Castillo, unha das beneficiarias dunha bolsa BEME, lembrou como os seus familiares falábanlle de Galicia durante a súa infancia e como esta bolsa converteuse para ela na oportunidade de "transformar a intuición dunha nena no rigor dunha académica".
O proceso, continuou, permitiulle "descubrir Galicia e a súa xente". "Tamén aprendemos cousas fundamentais para a supervivencia: que levar ou non paraugas non é un accesorio, é unha decisión de vida", chanceou.
Finalmente, asegurou que esta oportunidade "non foi só unha liña no seu currículo", senón que se converteu na "certeza de que Galicia non esquece aos que se foron".
No acto, tamén participaron o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González; e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, na que foi a súa última actividade no cargo, xa que este venres cederá o bastón de mando a Rosa Crujeiras.