Galicia xestionará desde este martes toda a costa do país
A Xunta prevé que o procedemento único para autorizacións no litoral estea operativo a final de ano
Pretende implantar a xestión integrada para reforzar a seguridade xurídica dos negocios do litoral e simplificar os trámites
A Xunta solicita ao Goberno central a transferencia da xestión dos permisos de traballo

Galicia asumirá desde este martes, 1 de xullo, a xestión do litoral e a Xunta espera que a finais deste ano todas as autorizacións autonómicas que se teñen que dar en dominio público-terrestre poidan facerse nun único procedemento integrado no que xa se inclúan todos os informes preceptivos e vinculantes correspondentes.
Para ese 1 de xullo, a Administración galega agarda ter "todo listo" para que a cidadanía poida facer unha solicitude de calquera título habilitante en dominio público marítimo-terrestre na sede electrónica da Xunta.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou que xa mañá estará dispoñible unha canle telefónica de información e unha web para resolver dúbidas tanto para particulares como para empresas que deban facer algunha actuación sobre a costa.
Xunto a isto, a Xunta xa anunciara un modelo de solicitude único e simplificado para calquera trámites referente ao dominio público marítimo-terrestre, que a partir deste martes deixará de ser de titularidade estatal.
Xestión integrada
A Xunta reivindica que o feito de ser unha administración que está "máis preto" que a central e que xa se ocupa doutras responsabilidades como marisqueo, turismo ou medio ambiente, entre outras, permite "un maior acerto" nas decisións que se tomen.
Neste sentido, a lei do litoral defende un desenvolvemento "sustentable" e cunha convivencia "responsable". Así, un dos obxectivos que se fixa é tratar de implantar a xestión integrada, algo que tal e como expuxo nunha entrevista concedida a Europa Press a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, "xa está implantado en Europa" e que quere levalo a cabo en Galicia cun dobre obxectivo: reforzar a seguridade xurídica dos negocios situados no litoral ou outras edificacións que poderían ter inquietudes e, doutra banda, simplificar os trámites.
Por outra banda, a Administración autonómica pretende revitalizar as edificacións que hai no litoral galego co fin de potenciar a protección e conservación.
Neste sentido, a Xunta traballa nunha parte do patrimonio cultural do litoral, como edificacións catalogadas como ben de interese cultural, para poder aprobar un catálogo que, por exemplo, permita recuperar antigas fábricas de salgadura ou carpintarías de ribeiras co fin último de pór en valor todos estes inmobles.
Outro aspecto a destacar en canto ás edificacións que regula a lei é "a segunda vida" de diferentes construcións situadas en dominio público para as que non se permitía ata agora ningún uso turístico. Por exemplo, vivendas que eran residenciais, agora poderían converterse en establecementos turísticos.
"Xa estamos a traballar no establecemento duns criterios que teñen que ter estas vivendas para que se incorporen á Rede de Establecementos Turísticos do Litoral", apuntou Uría, que sinalou que será unha rede de turismo de "excelente calidade" que terá que cumprir uns criterios "esixentes".
Outro dos elementos que pasan a ter na súa totalidade as concesións dependentes da Administración autonómica son os bares das praias. A Xunta está a realizar unha guía de integración paisaxística integral coa que pretende acadar unha maior homoxeneización e respectar a paisaxe.
Medios tranferidos
En resumo, entre as competencias transferidas atópanse as autorizacións de usos de temporada en praias e no mar territorial, as autorizacións en zonas de servidume de tránsito e acceso ao mar ou a vixilancia, así como a tramitación e imposición de sancións.
Deste xeito, Galicia pasa desde este martes a ter o control sobre autorizacións e concesións dos máis de 2.500 quilómetros en que se sitúan máis de 4.000 edificacións de todo tipo, incluídas máis de 100 empresas do complexo mar-industria.
En canto aos medios que se transfiren á Xunta, atópanse partidas orzamentarias de 1,2 millóns de euros anuais, así como 11 vehículos e 36 postos de traballo: 17 de persoal funcionario e 19 de laborais.
Pacto galego polo litoral
Para a xestión destes máis de 2.500 quilómetros de costa, o Executivo autonómico quere que esta nova competencia, a primeira tras case 17 anos, sexa "un exemplo de cogobernanza", para o que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa avanzou que convocará o próximo mes de setembro a case 90 municipios da costa galega para tratar de selar un pacto galego polo litoral.
Ante o anuncio desta reunión con case un centenar de concellos, a Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) acordou esta semana solicitar ao Goberno galego participar neste cumio para dar forma ao pacto.