Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta solicita ao Goberno central a transferencia da xestión dos permisos de traballo

A Xunta solicita ao Goberno central a transferencia da xestión dos permisos de traballo

O Consello da Xunta acordou pedir a cesión desta competencia tras o informe favorable do Consello Consultivo

Galicia xestionará desde este martes toda a costa do país

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, canda ao conselleiro de Emprego, José González (EFE/Lavandeira jr) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, canda ao conselleiro de Emprego, José González (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 30/06/2025 13:53 Última actualización 30/06/2025 16:37

O Consello da Xunta aprobou este luns solicitar ao Goberno central o traspaso a Galicia das competencias para poder xestionar os permisos de traballo de estranxeiros que desexen traballar en Galicia, coas que xa contan Cataluña, e recentemente, o País Vasco.

Segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "a xestión destas autorizacións a día de hoxe faina o Estado, e non é un trámite sinxelo, e cremos que unha xestión por parte da comunidade autónoma pode melloralo".

A Xunta considera que hai "unha base xurídica sólida" para esta asunción de competencias executivas en autorizacións iniciais de traballo, tanto por un informe do Consello Consultivo de Galicia, que o avala; como polo propio Estatuto de Autonomía galego, ademais de por un acordo unánime alcanzando no Parlamento autonómico.

"A partir de agora iniciaremos todo o proceso de petición e negociación. Espero que non se volva a repetir o que pasou co litoral", dixo Rueda, en referencia ao conflito que houbo co Goberno central sobre as competencias na costa, mesmo cun recurso do Executivo español ante o Tribunal Constitucional, que efectivamente se exercerá desde este martes, 1 de xullo.  

Así, o conselleiro de Emprego, José González, explicou que esta nova reclamación de competencias busca favorecer a "migración legal, segura e baseada na colaboración" entre administracións e empresas.

O obxectivo da Xunta é tanto acabar co "colapso" da tramitación destes permisos por parte do Goberno central, como dar seguridade xurídica ás empresas para solucionar o problema de falta de man de obra e poder cubrir postos vacantes en sectores clave, como a construción, o turismo ou a agricultura, explicou o conselleiro.

O proceso que iniciará a Xunta pasa pola convocatoria dunha Comisión mixta de transferencias co Goberno central para negociar ao traspaso desta competencia, que corresponde actualmente ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

En concreto, a competencia que se solicita é a "tramitación e resolución das autorizacións iniciais de traballo por conta allea e propia, dos permisos para actividades laborais de tempada e das autorizacións vinculadas a estancias de longa duración por razóns de estudo, mobilidade, voluntariado ou formación", informou González.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade