Rueda destaca o compromiso da Xunta coa economía azul como modelo de desenvolvemento
O presidente da Xunta e a conselleira do Mar, Marta Villaderde, participaron nun acto conmemorativo con motivo do Día Marítimo Europeo en Vigo

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira do Mar, Marta Villaderde, participou en Vigo nun acto conmemorativo con motivo do Día Marítimo Europeo, celebrado a bordo do buque Hidria II, no que puxo en valor o liderado de Galicia no ámbito da economía azul.
Neste acto, co lema "Onde o mar nos conecta", o presidente galego lembrou a relevancia que o mar ten para Galicia, como un dos piares fundamentais da súa identidade, da súa historia e do seu futuro.
Subliñou que a comunidade conta cunha das maiores cadeas mar-industria de Europa, con case 1.700 quilómetros de costa e máis de 50.000 empregos directos no sector, cuxo peso económico representa o 5 % do PIB galego.
Tras recalcar tamén os datos "históricos" de exportacións (2.800 millóns de euros no último ano), referiuse á nova Estratexia da Economía Azul de Galicia, como "unha enorme responsabilidade" e con "competencias moi potentes".
Esta folla de ruta contempla máis de 40 medidas estruturadas en seis eixes estratéxicos, cun orzamento superior aos 114 millóns de euros e cunha aplicación ata 2027.
A estratexia foi elaborada mediante un proceso participativo e, entre os seus obxectivos, destaca a mellora da gobernanza, o impulso á innovación e transferencia tecnolóxica, a protección do medio mariño e do patrimonio cultural marítimo.
Rueda insistiu en que Galicia aspira a "seguir sendo un referente internacional no ámbito mariño", desde a excelencia produtiva e desde a responsabilidade ambiental e social.
Subliñou que, para xestionar o litoral, "é necesario preservar as costas para crear riqueza", sen esquecer as persoas que viven e traballan no mar.