Publicador de contidos

Publicador de contidos

Kevin González: "Non imos parar con esta loita e imos vencer"

Kevin González: "Non imos parar con esta loita e imos vencer"

O fillo dun dos falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo recordou en 'A revista' a seu pai, cando fai un ano da traxedia en Terra Nova

"Por unha parte, estou triste e tocado porque hai un ano que meu pai xa non está, pero, por outra, estou enteiro e contento de poder estar aquí dándolles voz aos 21 mariñeiros", explica Kevin

Cristofer González: "Meu pai foi un valente, intentou salvar a todos os que puido"

G24.gal 15/02/2023 11:40 Última actualización 15/02/2023 12:47

Fernando González Martínez era engraxador no Villa de Pitanxo, do que hoxe fai un ano do naufraxio en Terra Nova. É un dos mariñeiros desaparecidos, e Kevin é o seu fillo, unha das persoas que durante este tempo deu a cara por todas as familias na loita por coñecer a verdade do ocorrido nas augas do Canadá naquel 15 de febreiro de 2022.  

"Teño un cúmulo de emocións. Por unha parte, estou triste e tocado porque hai un ano que meu pai xa non está, pero, por outra, estou enteiro e contento de poder estar aquí nun día tan complicado dándolles voz aos 21 mariñeiros e ao resto do sector do mar, ás 21 familias, e seguir facendo forza para que se faga xustiza", explicaba este mércores no programa 'A revista' da TVG.

Kevin ten a esperanza de que cando se poida baixar ao pecio se coñezan máis datos sobre as causas do naufraxio. Non obstante, é cauto porque "saíu o anuncio, pero aínda non está licitado".

Respecto ao ocorrido, di que "as familias estamos cen por cento convencidos da versión de Samuel [Kwesi]. E non só del, senón do que cre todo o mundo do mar", di Kevin, quen asegura que xa nos primeiros momentos todas as persoas do mundo do mar coas que falaba dicíanlle que a explicación que daba a empresa armadora non tiña sentido.

"Para nós é un heroe, con todas as letras, en maiúsculas", asegura Kevin referíndose a Samuel. "Primeiro por sobrevivir tantas horas nese mar sen traxe de superviviencia, nesas condicións. E logo por seguir defendendo o que nos consideramos que é a verdade, por ser tan forte, por non deixarse amedrentar polas ameazas".

"Quero agradecerllo nun día coma hoxe e que saiba Samuel que todas as familias estamos contigo", di o fillo do mariñeiro Fernando González.

E é que ademais, as explicacións de Samuel sobre o ocorrido nese día en Terra Nova foron reparadoras para Kevin: "No mes de decembro, cando as puiden coñecer, fixeron que puidese estar aquí tan enteiro".

E é que conta este mozo de Moaña que "nun primeiro momento falouse de que os mariñeiros foran parvos ou inútiles, porque non souberan reaccionar. E coñecendo a meu pai rinchaba moito. El era unha persoa sobre todo que tiraba moito para adiante".

E é aquí onde lle chega o relato do supervivente: "Cando souben que meu pai foi o primeiro ou dos primeiros en reaccionar e pegarlle un par de berros á xente, e de recriminarlle ao patrón o que estaba facendo, e que el foi o que soltou a balsa salvavidas que puido traer precisamente ese patrón, o seu sobriño, e a Samuel e o resto dos falecidos foi un momento de paz e de tranquilidade para poder seguir avanzando con optimismo".

Para Pesquerías Nores, a casa armadora do Villa de Pitanxo, Kevin só ten palabras de reproche, e máis tras coñecerse a declaración que realizou este martes con motivo do aniversario do naufraxio: "Unha nota de prensa, totalmente desafortunada, porque nin sequera a fixo a armadora, senón que a publicou a través da Cooperativa de Armadores de Vigo (Arvi)".

Nese comunicado da armadora Nores lamenta ao ocorrido pero tamén critica as filtracións do sumario da investigación do naufraxio. "Todas as filtracións que foi habendo durante estes meses demostráronse que eran verdade", di Kevin González. "Eles están imputados por 21 delitos de homicidio imprudente, e creo que deberían asumir as consecuencias do que está pasando, e non provocar máis dor nas familias".

Por último Kevin quere expresar o seu agradecemento: "Aos meus veciños de Moaña e a toda Galicia en xeral, polo respecto, o apoio e o cariño que me expresaron neste ano. Tamén aos medios de comunicación por ese cariño e por darnos voz. E a moitos políticos, independentemente da súa cor. A Samuel e aos mariñeiros do Playa de Menduíña 2, que son absolutos heroes".

"Pero tamén quero dicir a verdade", di por outra parte, "houbo moita xente que nos puxo pedras no camiño, que tratou de amedrentarnos e de frearnos, e falo tamén de moitos políticos, e de xente que chamou ás portas ameazando outras persoas e as súas familias [cita en concreto o acoso á xornalista de 'Faro de Vigo', Lara Graña]. A toda esa xente podo dicirlle que non imos parar. Os 21 mariñeiros do villa de Pitanxo seguen empurrando con moita forza e non imos parar por eles, por nós e, sobre todo por todo o sector do mar, non imos parar con esta loita e imos vencer".

Rosa Quintana, conselleira do Mar: "As familias foron quen de acreditar forza e unidade"

Tamén na Revista estivo a conselleira do Mar Rosa Quintana, quen recordaba o naufraxio e como "nos primeiros momentos tiñamos angustia por saber o que estaba acontecendo, e un fío de esperanza de que non fose tan grave". Unha esperanza que despois tornou en "desolación, algo que nos acompañou durante todo este ano".

Para as familias dos mariñeiros falecidos envíalles folgos e dilles que "foron quen de acreditar esa forza e unidade, demostrando humanidade e solidariedade que teñen todas as familias que traballan no mar".

Rosa Quintana explica que o de hoxe é "un día de moitas emocións. Para min que levo 35 anos traballando con xente do mar son xa practicamente parte da miña familia. Cada vez que temos un suceso é un momento duro, pero tamén é certo que levabamos 50 anos sen ter un da gravidade do que ocorreu o ano pasado".

En canto á investigación e a esa misión para descender aos restos do buque naufragado di que "temos que recordar que xa nos primeiros días buscamos informacións de técnicos para que nos dixeran se era posible baixar ao pecio. E cando nos dixeron que era posible puxémonos en contacto co Goberno do Estado para que habilitara a posibilidade de facer esa investigación. Lamentablemente perdeuse esa oportunidade a primavera pasada, e certa maneira danos satisfacción de que se vai facer este ano".

"Estou segura que cos datos que se obteñan poderanse facer melloras á hora de traballar en augas tan complicadas como as de Terra Nova", conclúe a conselleira do Mar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade