Publicador de contidos
Publicador de contidos

Samuel Kwesi, tripulante do Villa de Pitanxo: "Nós berrábamos, «asasino quéresnos matar, asasino!»"

Samuel Kwesi, tripulante do Villa de Pitanxo: "Nós berrábamos, «asasino quéresnos matar, asasino!»"

"A min párteseme a alma e encólleseme o corazón", di Kevin González Santiago, fillo de Fernando González, un dos desaparecidos 

Exclusiva de 'En boca de todos'
G24.gal 15/07/2022 13:56

Hoxe fai cinco meses que afundía o Villa de Pitanxo en Terra Nova. No naufraxio houbo 21 falecidos. Os seus familiares seguen loitando para que se clarexe o acontecido. Parte desa loita apóiase nas declaracións que Samuel Kwesi fixo no xulgado, unhas declaracións exclusivas do programa En boca de todos, que podemos escoitar.  

Conta como o Villa de Pitanxo escorou a babor durante a manobra de virada do aparello, ata un punto en que o motor deixou de traballar. Os mariñeiros de cuberta alertaron o patrón Juan Enrique Padín. Pediron que soltara o cable do aparello, pero non fixo caso.

"Nós berrábamos: «Asasino, quéresnos matar, asasino!», e non fixo caso. O capitán berraba: «Subide arriba á ponte, hostias!». E aí é cando comecei a ter medo". 

"Apertoume no barco, porque había que dicir o que eles querían. Que parou o motor, din eles, que non é verdade. E que o capitán deu orde de abandono, que tampouco é verdade",  conta Samuel Kwesi, un dos tres superviventes do naufraxio.

Kevin González, fillo de Fernando González, desaparecido no Villa de Pitanxo, di que as declaracións xa as coñecían, pero ver un vídeo de Samuel declarando diante dun xuíz, convencido de contar a verdade, impresiona.

Os familiares seguen traballando para que se saiban as circunstancias en que o barco foi a pique. Ata foron a Bruxelas en busca de apoio da Eurocámara.

"Despois de ir a Bruxelas, despois de todo o que está saíndo, como a declaración de Samuel o terceiro supervivente, que é o relato da verdade, non porque o diga el senón porque o amparan os técnicos, todas as evidencias. Estanse perdendo probas polo camiño, temos un curto espazo de tempo", afirma María José de Pazo, voceira das familias do Villa de Pitanxo. 

Agora a loita céntrase en que España pida medios ao resto de países da Unión e en poder baixar ao barco.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade